As cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca deste martes caracterizáronse pola baixada nos prezos do gando vacún, e dos leitóns, mentres que no porcino de cebo e nos ovos non houbo cambios.
En concreto, nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos este martes baixaron en todas as categorías respecto ao pasado martes. Así, na de menos de 20 días, a cotización media foi de 167 euros, fronte aos 171 da pasada poxa. Na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media tamén caeu lixeiramente ata os 191 euros por xato, catro menos que a pasada semana. E na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, o prezo medio foi de 211 euros, vinte menos que na última poxa.
Nos becerros de Cruzamento industrial, as oscilacións nos prezos foron, en xeral, á baixa. Así, na de menos de 20 días as cotizacións medias caeron nos machos ata os 254 euros, fronte aos 302 da pasada poxa. E na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos tamén caeu ata os 333 euros de media, fronte aos 363 da anterior sesión. Pola contra, nas femias, destinadas sobre todo a cebo para a exportación, o prezo medio subiu a unha media de 249 euros, fronte aos 227 da anterior poxa. En canto aos xatos de máis de 51 días o prezo medio tamén ascendeu nos machos ata os 437 euros, fronte aos 431 euros de media da última subasta.
As cotizacións quedaron da seguinte maneira:
Sen cambios nos ovos e no coello
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse manter as cotizacións da pasada semana: 1,40 euros a ducia na categoría XL; a L quedou en 1,26 euros a ducia, mentres que para a M e a S as cotizacións mantivéronse nos 1,13 e 0,90 euros, respectivamente.
Nos coellos, na Lonxa de Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, acordouse manter as cotizacións nos 1,50 euros o quilo.
Sen cambios no porco cebado e baixada nos bacoriños
En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou manter as cotizacións da pasada semana: nas categorías Selecta e Normal quedaron nos 1,455 e 1,430 euros por quilo, respectivamente; a Canle II nos 1,857 euros por quilo e o desvelle mantívose tamén sen cambios nun intervalo de prezos de entre 0,92 e 0,98 euros o quilo.
En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, as cotizacións esta semana quedaron sen cambios nos 1,810 euros o quilo. No resto de países da Unión Europea as cotizacións mantivéronse estables ou cunha lixeira suba.
En canto aos leitóns, acordouse seguir coa baixada das cotizacións, esta semana un 1% ata os 53 euros para os procedentes de varias explotacións e os 58 euros para os procedentes dunha única explotación.
Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira:
Récords en transaccións e en afluencia
A Central rexistrou esta mañá récord absoluto en transaccións na categoría de becerros carniceiros, ao ascender estas a 102.097€ que superan os 97.007€ acadados o 24 de xuño de 2014, e que ata hoxe supoñía o maior volume económico rexistrado nesta categoría.
Ademais, o feito de levar dúas semanas se poxas nalgunhas categorías de gando, sobre todo de vacún maior, permitiu que se batisen algúns récords. Respecto a asistencia, concorreron 1.102 animais das tres categorías, o maior número deste ano 2017, xa que ata o momento a cifra máis alta estaba nos 1.045 que asistiron o 30 de maio. Así mesmo, esta cifra de asistencia é a maior dende 2015, cando se rexistraran 1.106 reses na puxa do 23 de xuño.
En canto a vacún maior, rexistráronse 363 exemplares, estando ata hoxe o maior número nos 297 que acudiron tamén o 30 de maio. Este número de vacas é tamén o maior dende 2015, cando concorreran 377 na puxa do 30 de xuño.Por outra banda, o número de vacas adxudicadas é o máis alto do ano, con 335 que superan ás 278 adxudicadas nesa mesma puxa do 30 de maio e que supón o maior número de adxudicadas dende a puxa do 30 de xuño de 2015.
En canto ás transaccións totais, ascenderon esta mañá aos 527.189€, o maior volume económico do ano ao superar os 474.569€ rexistrados o 30 de maio e tamén o maior acadado dende o 2012, cando se rexistraran 553.851€ na puxa do 26 de xuño. Por categorías tamén conseguiu récord anual a de vacas, con 275.744€ fronte aos 241.649€ do 30 de maio, e sendo o maior volume de transaccións desta categoría dende 2015, cando foran 283.670€ na puxa do 30 de xuño.