Decretadas tres novas concentracións parcelarias nos concellos de Becerreá, Petín e Dozón

O Consello da Xunta aprobou na súa xuntanza deste xoves tres decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública as concentracións parcelarias de Guilfrei (Becerreá), Petín-Portela de Mourisco (Petín) e San Salvador do Castro (Dozón).

Deste xeito, mediante a concentración global dunhas 1.688 hectáreas relativas a estes tres procesos, veranse beneficiados máis dun millar de propietarios.

En concreto, o proceso de Guilfrei (Becerreá) afectará unha superficie total 441 hectáreas, repartidas en 1.871 parcelas propiedade de 142 veciños. A parcelaria de Petín-Portela de Mourisco (Petín) reorganizará unha superficie total de 203 hectáreas, repartidas en 2.188 parcelas de 619 veciños. Por último, a concentración de San Salvador do Castro (Dozón) reestruturará unha superficie de 1.044 hectáreas repartidas en 6.328 parcelas propiedade de 383 veciños.

Estes tres novos decretos de concentración parcelaria decláranse mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción.

Por iso, os tres procesos foron solicitados por titulares de explotacións e apoiados polos respectivos concellos. No caso da parroquia de Becerreá, hai un total de 22 explotacións, na de Petín son 24 e na de Dozón 50, de aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información