Concentracións parcelarias: A Xunta anuncia que no 2024 investirá un 41% máis

A Xunta anuncia que destinará o vindeiro ano un total de 24 millóns de euros para avanzar nos procesos de concentración parcelaria e no arranxo de pistas. Este orzamento representa un 41 % máis de fondos que os consignados no 2023. Así o anunciou este martes o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura do acto de presentación do “Manual práctico para a integración paisaxística da reestruturación parcelaria”. O conselleiro estivo acompañado por Inés Santé, directora xeral de Desenvolvemento Rural.

Neste contexto, o conselleiro destacou a creación do Manual presentado como unha iniciativa fundamental para planificar, co fin de establecer unha metodoloxía práctica para realizar a reestruturación parcelaria cunha visión o máis integradora posible, sendo a conservación da paisaxe un valor engadido en todo o proceso.

Na súa intervención, José González fixo fincapé na importancia da reestruturación parcelaria como “ferramenta necesaria para o desenvolvemento rural, debido á división da terra en Galicia, que segue a ser un impedimento para o desenvolvemento do potencial agrario, polo que ambos intereses deben solaparse”. Neste sentido, sinalou que a Xunta leva investido un total de 118 millóns nos últimos 14 anos co obxecto de avanzar decididamente nesta materia.

Sustentabilidade

Neste mesmo sentido, o conselleiro fixo fincapé na necesidade de garantir a sustentabilidade neste tipo de procesos -que inciden na paisaxe, xa que diminúen o número de parcelas e reducen a rede de camiños para permitir o tránsito de maquinaria- mellorando o medioambiente. Así, recalcou que “cómpre establecer consideracións básicas sobre a correcta integración e protección dos elementos culturais, ambientais e paisaxísticos, con criterios únicos e homoxéneos que contribúan tamén á mitigación e adaptación, en especial, aos incendios forestai”s.
O conselleiro puxo en valor “as 29 parcelarias rematadas desde 2020 ata o momento, abarcando unha superficie de máis de 19.500 hectáreas e beneficiando máis de 14.000 propietarios, que recibiron preto de 31.000 títulos de propiedade”. En consonancia con isto, destacou as tamén 29 parcelarias decretadas desde 2021 ata agora, seguindo -destacou González- o “mantra” segundo o cal “por cada parcelaria rematada, unha nova decretada”.

Aposta por reducir e axilizar trámites

“A Xunta mantén un elevado ritmo de entrega de títulos por toda Galicia e está aberta a decretar novas zonas onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias, sempre apostando por reducir e axilizar os trámites”, engadiu José González.

Nesta liña, e de xeito paralelo, o conselleiro destacou as ferramentas de mobilización de terras da Lei de recuperación. Uns instrumentos que -subliñou- permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras e lembrou que estes mecanismos -polígonos agroforestais, aldeas modelo, permutas e agrupacións de xestión conxunta- xunto coas parcelarias permitiron xa poñer en valor arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información