Ir ao Super Feirón auspiciado pola Xunta de Galicia a raíz do coronavirus para fomentar a venda de produtos galegos nos supermercados pode equivaler a todo o contrario. É o que denunciaron esta mañá ás portas da cadea alemá Lidl gandeiros de Lugo reunidos por Unións Agrarias e que criticaron que dentro non houbese “nin un gramo de carne galega” malia estar adherida á canle Mercaproximidade.
O responsable de gandería extensiva de UUAA, José Ramón González, denunciou a presenza de carne procedente de Holanda, Bulgaria, Polonia ou outros países do leste de Europa nos supermercados Lidl de Galicia. “Fai falta que a carne de Galicia se venda como carne de Galicia e para iso ten que ser produción certificada dentro da IXP e amparada dentro de Ternera Gallega e temos que sinalar a aqueles que non o fan porque se están portando mal cos produtores galegos. Necesitamos que todas as partes desa cadea colaboren e por iso hoxe estamos aquí dicíndolle a unha gran superficie como é Lidl, con bastante implantación en Galicia, que non pode ser que non teña un só gramo de carne de produción galega. Necesitamos que o consumidor galego coñeza isto para que actúe en consecuencia porque en Asturias isto sería imposible, alí os supermercados están case obrigados a ter carne asturiana porque así llelo esixen os consumidores”, asegurou.
En Galicia véndese carne de Holanda, de Bulgaria e de Polonia. En Asturias isto sería imposible, alí os supermercados están case obrigados a ter carne asturiana porque así llelo esixen os consumidores
A campaña de Unións Agrarias, iniciada a semana pasada en Ourense, con parada hoxe en Lugo e que continuará nos vindeiros días noutras cidades e vilas galegas, busca concienciar ao consumidor para que mire as etiquetas e se fixe de onde vén a carne que está a mercar. “Trátase de sensibilizar á opinión pública para poñer de manifesto a situación crítica pola que atravesa o sector en Galicia e buscar aliados na outra parte, entre os consumidores, buscando a súa complicidade e que saiba que hai uns puntos da cadea de valor que non se están portando ben cos produtores”, explicou José Ramón González.
Incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria
“Os gandeiros de carne están a producir por debaixo dos custos de produción e, polo tanto, estase a incumprir a Lei da Cadea Alimentaria”, denunciou o representante de UUAA, que demandou a posta en marcha dun Observatorio de Prezos en Galicia. “Non pode ser que esteamos a producir a carne entre 50 e 60 céntimos por quilo por debaixo dos custos de produción porque deste xeito os gandeiros están a perder cartos”, explicou.
Os gandeiros están a perder cartos porque están a producir entre 50 e 60 céntimos por baixo dos custos de produción. Non hai xustificación para seguir coa baixada de prezos do 20% en orixe que se produciu en marzo
“Houbo unha baixada nos prezos aos produtores a raíz da crise da Covid-19 de arredor dun 20% ou 25% pero esa baixada non se lle repercutiu ao consumidor, que segue pagando prezos altos que impiden moitas veces que aumente a demanda e dar saída á produción. Fai falta incentivar o consumo para que o sector arrinque de novo, pero agora xa non hai ningún motivo para seguir con esa baixada do 20% ao produtor”, engadiu.
José Ramón González pediu que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria, o que implica, dixo, “que a cadea de valor sexa transparente e efectiva en todos os eslabóns desde a produción á comercialización final. Non pode ser que se nos aplicara a finais do mes de marzo unha baixada de arredor do 20% porque non se vendían unhas pezas fundamentais da canal como poden ser os chuleteiros e logo ver esas pezas á venda a un prezo elevado. É un insulto á intelixencia que vaias a calquera tenda de carne certificada galega e o quilo de costeletas custe 16 euros porque iso quere dicir que alguén nos está enganando”, argumentou.
Axudas enganosas
Desde Unións Agrarias reclaman da Administración, tanto autonómica como estatal, “que fai falta botar unha man a este sector porque non nos podemos permitir perdelo. Algo terán que facer para compensar a baixada que sufriron os produtores. O que falte para que estas explotacións non perdan diñeiro a final de ano haberá que poñelo de fondos públicos, tanto da Xunta como do Ministerio”, insistiu José Ramón González.
A reprogramación do Plan de Desenvolvemento Rural anunciada polo conselleiro supón que nin a Administración autonómica nin a estatal van gastar nin un só céntimo máis do que xa tiñan previsto, así que ese anuncio de axudas é quedar ben e non gastar un peso
“Fan falta fondos propios específicos para este sector que ten que ser quen de cubrir os custos de produción e esa parte que falta actualmente para que se cubran ten que ser cuberta e compensada con axudas públicas. Ningunha destas explotacións puido acollerse a ningún tipo de ERTE nin de axuda pública prevista para outros sectores e están tirando neste momento de aforros ou de endebedamento para poder subsistir. A situación é grave e o chamamento é urxente para que se arbitren medidas dun xeito inmediato”, dixo.
Urxiu que se establezan axudas directas e afirmou que non chega coa reprogramación dos fondos do Plan de Desenvolvemento Rural anunciados a semana pasada pola Xunta. “Esta situación hai que amañala o antes posible e temos que involucrar á Administración. A Xunta de Galicia non pode pasar por alto esta situación. O conselleiro do Medio Rural admitía o outro día que este é un sector sensible e anunciaba que vai haber axudas pero consisten simplemente nunha reprogramación do PDR que supón que nin a Administración autonómica nin a estatal vaian gastar nin un só céntimo máis do que xa tiñan previsto, así que ese anuncio de axudas é quedar ben e non gastar un peso”, criticou.
Antonio Fernández, gandeiro de Ternera Gallega Suprema: “Se teño que pechar, con 50 anos que teño hoxe, para onde vou?”
A concentración diante do Lidl de Lugo xuntou a dúas ducias de gandeiros da zona. Entre eles estaba Antonio Fernández, cunha explotación de 40 nais de raza rubia galega a 5 quilómetros da cidade de Lugo e que comercializa a súa carne dentro de Ternera Gallega Suprema.
Desde que comezou o coronavirus vendeu 8 becerros a un prezo de 4 euros o quilo, cando antes da pandemia sanitaria os vendía ao mesmo comprador, a Novagrigsa, a 4,80. “Na miña casa fun eu o que saiu a mercar neste tempo e miraba os prezos nos supermercados e eu vía que mover a carne movíase e que estaba ao mesmo prezo ca antes pero sen embargo a min baixáranme o prezo polo que me compraban antes”, queixouse.
Estou cobrando a carne a menos do que a cobraba meu avó fai 40 ou 50 anos
“Xa arrastrabamos unha crise de antes do coronavirus e agora con isto baixounos un 20% o prezo/canal dos nosos xatos. Eu estou vendendo a carne a menos do que a vendía meu avó fai 40 ou 50 anos cando tiña as vacas e con este prezo non damos feito para cubrir gastos. Estamos á mercede do mercado, non temos capacidade para subir nin baixar prezos”, denunciou.
“Nós esforzámonos os 365 días do ano para proporcionar ao consumidor unha carne fabulosa. Eu adícome só á gandería, pero non podemos seguir así moito tempo ou teremos que pechar. Teño 50 anos a día de hoxe. Se teño que pechar, para onde vou?”, preguntou.
José Ángel Regueiro, produtor de carne en ecolóxico: “Vendín gando e reducín a explotación ao mínimo”
“Cústanos producir un quilo de carne case 6 euros en ecolóxico e non o cobramos logo á hora de vender a carne”, denuncia José Ángel Regueiro, que ten unha explotación na parroquia de Bacurín, a 8 quilómetros de Lugo. José Ángel é vocal do CRAEGA e foi dos primeiros gandeiros en producir carne de tenreira en ecolóxico en Galicia, no ano 2005, pero a situación que se está a vivir no sector non distingue entre as explotacións convencionais e as que están en ecolóxico, que tamén están a notar a baixada da demanda e do prezo da carne.
“Antes desta crise do coronavirus estaba aumentando o consumo e a venda de carne ecolóxica porque os restaurantes de élite e as carnicerías gourmet especializadas estaban tirando do produto pero agora houbo un parón. E o problema é que temos un produto que caduca porque cando un becerro pasa do ano xa é añojo. Iso aféctanos tanto aos produtores en ecolóxico como aos que o fan de xeito convencional, e cando se vende véndese todo moi ben, pero cando non se vende para todo, tanto o normal como o ecolóxico”, indica José Ángel.
Os gobernos protexen o que queren pero os sectores produtivos quedamos sempre desprotexidos
“Eu tiven que reducir cabezas, vendín o gando para vida para a zona de Zamora e manteño a explotación ao mínimo”, conta. “Eu estou cerca da xubilación e cos prezos que hai desanímaste e botas para atrás outros proxectos, eu deféndome vendendo a particulares e para recría e o lóxico sería pechar o ciclo”, di.
A súa gandería, con 25 cabezas, forma parte dun proxecto do Centro Tecnolóxico da Carne para producir cecina con destino ao mercado árabe, que non consume xamón procedente de carne de porco. Pero José Ángel ve o futuro con incerteza e teme a competencia dos países produtores do Mercosur. “Como non nos protexan un pouco estamos perdidos. Os gobernos protexen o que queren pero os sectores produtivos quedamos sempre desprotexidos”, denuncia.
A súa, di, é o prototipo de pequena explotación galega de produción de carne, que se moven no caso da produción ecolóxica entre as 25 e as 30 vacas cunha superficie de entre 25 e 30 hectáreas. “Son eu só e teño 16 parcelas, iso implica dificultades á hora de mover o gando”, relata. Reclama prezos de intervención que permitan “xa non gañar diñeiro, senón simplemente manternos e non perdelo”, algo que, di, “con 17 céntimos de prezo de intervención no caso do leite e 2 euros no caso da carne non se garante”.
En risco 10.000 explotacións en Galicia, 5.800 delas na provincia de Lugo e 1.800 en Ourense
Segundo os cálculos de Unións Agrarias, os baixos prezos actuais da carne en orixe porían en perigo a supervivencia dunhas 10.000 explotacións no conxunto de Galicia, das que máis da metade, unhas 5.800, atoparíanse na provincia de Lugo, outras 1.800 en Ourense e o resto repartidas entre A Coruña e Pontevedra, a provincia con menor presenza deste tipo de explotacións de vacún de carne en extensivo ou semiextensivo.
“Hai unhas explotacións de carne moi concretas, adicadas á produción en extensivo en base a vacas nodrizas que se atopan nunha situación moi complicada. Non podemos prescindir de ningunha destas explotacións, porque moitas destas ganderías están ubicadas nas zonas de montaña e nas zonas demograficamente máis deprimidas. É polo tanto un sector estratéxico”, asegurou José Ramón González.
Non nos podemos permitir o luxo de que nin unha soa explotación de carne peche en Galicia porque están ubicadas nas zonas de montaña e nas zonas demograficamente máis deprimidas
Explicou que as preto de 6.000 explotacións da provincia de Lugo ocupan a “polo menos” 10.000 persoas, polo que, alertou, “estamos falando de que están en risco 10.000 postos de traballo nas zonas demograficamente máis delicadas da provincia de Lugo, polo que haberá que facer o que faga falta para que ningunha destas explotacións peche. Non nos podemos permitir o luxo de que nin unha soa explotación de carne peche en Galicia, porque van pechar en Cervantes ou na Fonsagrada”, concluiu.