A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza un taller temático sobre mantemento de maquinaria e útiles de xardinaría e arboricultura. O curso impartirase no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, en Bergondo (A Coruña). Celebrarase ó longo de cinco días en horario de tarde, desde as 16:00 ata as 20:00 horas, a partir do vindeiro luns 17.
O obradoiro contará cunha parte teórica, na que se abordarán temas como a revisión dos principais útiles de xardinaría empregados nos labores de mantemento de áreas verdes ou a identificación das avarías máis comúns. Ademais, terá unha parte práctica sobre a posta a punto de ferramentas como as tesoiras de poda, o cortacéspede, o escarificador, a rozadoira ou o cortabordos.
Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.
As persoas interesadas en participar no curso deberán cubrir en liña a preinscrición que figura na documentación do curso no catálogo de accións formativas da Consellería de Medio Rural para este 2022. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 881 043 ou enviarse un correo a cfa.guisamo@edu.xunta.gal.