Critican os ataques á gandería e a apoloxía do veganismo que fai o ministro de Consumo

Critican os ataques á gandería e a apoloxía do veganismo que fai o ministro de Consumo

O ministro de Consumo, Alberto Garzón

A organización Unións Agrarias pide o cese, en caso de que non rectifique, do ministro de Consumo, Alberto Garzón, “pola actitude de desprezo cara o sector agrogandeiro e o medio rural nas súas manifestacións públicas”. O último episodio ven de producirse nunha entrevista ao xornal inglés The Guardian na que, segundo a organización agraria, “dun xeito completamente irresponsable, afirmaba que a produción de carne en España é de mala calidade e que o manexo dos animais non se realiza de xeito adecuado”.

“A argumentación de Alberto Garzón non vai mais aló novamente de ser unha sorte de falacias coas que acadar visibilidade mediática en base a un ataque gratuíto ao sector gandeiro; sen dúbida o máis comprometido coa sustentabilidade do planeta, a loita contra o cambio climático, a produción de alimentos de calidade para a cidadanía e cos obxectivos do benestar animal”, replican dende Unións Agrarias.

No caso de Galicia, lémbranlle a Alberto Garzón que o sector gandeiro “supón o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade”. “Só desde o descoñecemento máis temerario se pode afirmar que un modelo no que o becerro é criado en extensivo xunto a nai durante 8 meses, como é o caso da Ternera Gallega Suprema, supón un modelo de maltrato animal”, engaden.

Replícanlle tamén ao ministro de Consumo que “o consumo de carne e de leite, máis alá das alucinantes conclusións de xénero ás que chega Alberto Garzón, leva a que España tenha unha das maiores esperanzas de vida do planeta”.

Por úlitmo, Unións Agrarias lémbralle a Alberto Garzón que “cando fala das tramas que fan grandes negocios co gando de carne hai que lembrarlle que desde hai moitos anos os gandeiros de vacún galegos están a vender por menos do que lles custa producir, e que o custo medio de producir un xato hoxe supera en 150 euros ao de comezos do ano pasado, e os animais estanse a vender polo mesmo que hai vinte anos”.

O ministro matiza que o problema está nas macrogranxas

En todo caso, no texto publicado en The Guardian, o ministro de Consumo matiza que o problema de sustentablidade medioambiental e de maltrato animal do que fala está nas magrogranxas e non nas granxas tradicionais e con manexo extensivo, caso da maior parte das ganderías galegas de vacún de carne. “A ganadería extensiva é un medio de gandería medioambientalmente sustentable, con moito peso en partes de España como Asturias, partes de Castela e León, Andalucía e Extremadura”, afirma Alberto Garzón no xornal inglés, esquecéndose iso si de Galicia. 

Un receitario promovido polo Ministerio de Consumo……que se esquece da carne ou do leite

Esta non é a primeira polémica causada polo ministro de Consumo que dende a súa responsabilidade está a promover o veganismo e a atacar o consumo de carne e lácteos.

Unha mostra é o receitario “Comida rápida, barata y saludadble” presentado polo departamento que dirixe Alberto Garzón e no que entre os 40 platos que se recomendan apenas hai ingredientes cárnicos ou lácteos. Só hai unha receita que leva como ingrediente o queixo azul e dúas que levan polo. Nada se fala da carne de porco e moito menos da de tenreira, cordeiro ou cabrito, gran parte dela producida a base de pastos e forraxes, e polo tanto cun impacto prácticamente neutro de emisións de gases de efecto invernadeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información