Constitúese en Galicia un grupo de traballo que previrá e anticipará enfermidades emerxentes no gando e nos cultivos

Un dos seus primeiros cometidos será elaborar un informe específico para analizar as consecuencias e a evolución da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e o verme defoliador do millo, co fin de previr e evitar novos brotes no futuro

Constitúese en Galicia un grupo de traballo que previrá e anticipará enfermidades emerxentes no gando e nos cultivos

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá no primeiro encontro do grupo de traballo creado no marco do Consello Agrario Galego para anticipar e previr as consecuencias de novas enfermidades animais e vexetais; así como pragas nas explotacións gandeiras. O seu obxectivo é de reforzar a colaboración, a coordinación e o diálogo con todos os elos do sector agrogandeiro de Galicia, en beneficio de todos os produtores para poder anticiparse a posibles perdas.

Logo desta reunión, que tivo lugar na sede da Escola Galega de Administración Pública en Santiago, o grupo quedou constituído de xeito definitivo. Está formado por persoal da Xunta de Galicia, representantes dos concellos, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, expertos do ámbito académico, especialistas dos colexios profesionais vinculados co agro e responsables das organizacións agrarias, entre outros.

Nesta primeira xuntanza abordáronse diversas cuestións vencelladas con estas temáticas. En primeiro lugar, tratouse a posibilidade de afondar na resposta da Consellería ante as doenzas derivadas dos movementos de insectos vectores debido ao cambio climático ou movementos de aves migratorias, como a gripe aviaria, a lingua azul, a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), o verme defoliador do millo ou a flavescencia dourada da vide.

Así, o conselleiro reafirmou a súa aposta pola creación dun sistema de alertas temperás, a través dunha aplicación informática que se vai poñer en marcha co obxecto de formar e informar aos agricultores e gandeiros sobre os riscos e anticiparse a posibles perdas.

Primeiras accións

Unha das primeiras accións que levará a cabo este novo grupo será a realización dun informe específico para analizar as consecuencias e a evolución da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica e o verme defoliador do millo, para poder coñecer de primeira man as novidades sobre a súa situación e poder previr e evitar novos brotes no futuro.

En concreto, o conselleiro solicitou a este grupo que o estudo sobre a EHE avalíe a capacidade de vacinación fronte esta doenza, un aspecto que cualificou como “urxente” e no que -lembrou- se ten pedido reiteradamente por parte da Xunta ao Ministerio de Agricultura que actúe con dilixencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información