Constitúese a Asociación de Asesores Rurais de Galicia

O pasado 6 de setembro constituíuse a Asociación de Asesores Rurais de Galicia, nunha xuntanza na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo na que participaron 25 asesores de forma presencial e outros tantos online.

O seu obxectivo, segundo informan dende a xunta directiva da asociación, é “ser o nexo de unión entre as persoas que viven e traballan no rural e as distintas administracións con competencias no mesmo”. Un papel se cabe máis importante nestes momentos, xa que “para afrontar a reforma da PAC 2023- 2027 e os retos en cambio climático e demográfico que están a acontecer a nivel europeo no rural, é necesario máis que nunca poñer en valor o traballo do asesor rural e establecer mecanismos e sinerxías entre todos os axentes vinculados ao agro galego”, subliñan.

Neste sentido, dende a xunta directiva da Asociación de Asesores Rurais de Galicia informan de que o seu traballo vaise centrar na representación e na formación dos asociados a través de actuacións como:

– Creando espazos de traballo e debate.
– Dando voz ao colectivo nos distintos foros sectoriais.
– Organizando congresos, cursos, eventos e xornadas (in)formativas.
– Acompañando e apoiando aos novos asesores.
– Poñendo en valor o papel dos asesores no AKIS Galego.
– Colaborando cos centros do ecosistema Galego de I+D+i.

Presentación da asociación este luns en Lugo

A presentación en público da Asociación de Asesores Rurais de Galicia terá lugar este luns, día 18 de outubro, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo as 17:00 h.

Posteriormente celebrarase unha asemblea. Os asistentes terán á súa disposición toda a información sobre a asociación e as condicións de adhesión á mesma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información