Consellos á hora de introducir novos animais na explotación

Resumo do relatorio de Susana Astiz, veterinaria e investigadora do INIA, dentro a Xornada Técnica de Gando Vacún celebrada o pasado mes de xullo en Mazaricos e que estivo organizada polo laboratorio Boehringer Ingelheim.

Consellos á hora de introducir novos animais na explotación

Vacas pacendo

A introdución de novos animais na nosa explotación debe ir acompañada dunha serie de medidas de control de bioseguridade para evitar a entrada de patoloxías na nosa explotación. Proba da importancia destes controis é que a compra de animais é o principal factor de risco para a entrada, por exemplo, da enfermidade da diarrea vírica bovina (BVD) na nosa explotación.

Que debemos ter en conta nas xovencas que compramos?

Á hora de introducir unha xovenca na nosa explotación debemos cumprir as seguintes recomendacións:

. Consultar e informar o teu veterinario de explotación, xa que coñece perfectamente o estado sanitario da nosa explotación, podendo valorar os riscos e aconsellarnos sobre analíticas.

. Reducir ao máximo o número de animais que compramos.

. Reducir ao máximo a orixe dos animais que compramos: se é unha única explotación, mellor.

. Controlar o transporte: non mesturar con outras orixes.

. Canto máis novos mellor: mellor xovenca baleira que preñada, mellor xovenca que primípara, mellor preñada que parida… etc.

. Intentar coñecer o estado sanitario do/dos rabaños de orixe. Para iso recoméndase seleccionar os de menor risco: rabaños pechados, é dicir, aqueles que non compran/ non comparten / non van a feiras / non van a pastos.

. Sen enfermidades recentes, con analíticas, plans vacinais, rexistros de tratamentos e movementos.

Que enfermidades podo introducir coa miña xovenca?

Enfermidades de declaración obrigatoria: elixir, por suposto, explotacións con carta verde.

Outras enfermidades: 

. Paratuberculose
. Dermatite dixital
. Piroplasmose (zonas endémicas)
. Reprodutivas:
– IBR
– Neosporose
– Leptospirse
– Campilobacteriose: en caso de utilizar monta natural.
– Tricomonose: en caso de utilizar monta natural.
– Besnoitiose(zonas endémicas)
– BVD

. Mastites contaxiosas:
– Xénero Mycoplasma
– Spaphylococcus aureus
– Streptococcus agalactiae

Que debemos facer unha vez que a xovenca chega á nosa explotación?

. Realizar análise das enfermidades que se deban chequear (maior risco de introdución, posibilidade de detección) se se pode. Mellor en orixe. É de gran información a análise bacteriolóxica do leite de tanque en orixe.

. Establecer corentenas: O ideal é de 3 a 4 semanas para dar tempo a debutar os síntomas clínicos, a obter resultados das novas analíticas e a vacinar do necesario, segundo as enfermidades das explotación de destino.

Características da corentena:
– O máis illada do rabaño que se poida.
– Observar a clínica.
– Repetición de análise.
– Vacinacións (rematadas 2 días antes de xuntalas co rabaño). En definitiva, protexer o animal comprado.

Análise que deberiamos realizar:

En caso dunha xovenca ou vaca é aconsellable, se se pode, descartar as seguintes enfermidades na medida do posible, aínda que non en todos os casos os resultados da analítica nos descarta definitivamente a enfermidade: 

. Paratuberculose: PCR feces e Elisa soro sanguíneo, pero con pouco valor diagnóstico en animais novos.
. Dermatite dixital: non hai posiblidade diagnóstica previa á clínica, pero poden ser portadoras.
. Piroplasmose (zonas endémicas): seroloxía, análise frotis e PCR. Non sempre descarta animais portadores, sans, pero con taxas moi baixas de parásitos circulantes.
. Reprodutivas:
– IBR: seroloxía IgB ou IgE se vacinada marcada
– Neosporose: seroloxía
– Leptospirse: seroloxía, aínda en serovares adaptados, é dificil o diagnóstico individual.
– Campilobacteriose: moco vaxinal
– Tricomonose: moco vaxinal
– Besnoitiose (zonas endémicas): seroloxía (leite)
– BVD: seroloxía para Ac e Ag. Se xestante feto para comprobar Ag en canto naza o xato e comprobar que non é un PI.

. Análise de leite: SCC e bacterioloxía:
– Catro cuarteiróns individualizados.

Se é un touro para monta natural, ademais deberiamos:

. Tomar mostra de esmegma prepucial para descartar enfermidades de transmisión venérea. Dúas mostras ou 3 análises se veñen de rabaño con problemas. Recoméndase realizar un descanso sexual previo ás mostras.

. BVD: Seme (PCR para Ag) e análise de Ac en sangue.

Unha vez realizadas as análises deberíanse descartar, en xeral, os animais que dean positivo, ainda que en enfermidades nas que os animais poden estar vacinados, ao teren tido contacto coa enfermidade, hai que interpretar os resultados, como no caso de IBR e BVD, onde animais con AC positivos poderían ser aptos para seren introducidos no rabaño.

De novo, o recomendable é consultar cos veterinarios da explotación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información