O problema de convivencia entre gandería e lobo está en aumento, sobre todo en determinadas comarcas como a Mariña lucense. Máis alá da oposición das granxas ó aumento de protección do lobo, a cuestión de fondo é o aumento de ataques que se veu experimentando nos últimos anos. Desde Unións Agrarias, convocante onte dunha protesta en Celeiro (Viveiro, Lugo), avogan pola adopción dunha serie de medidas inmediatas por parte da Xunta.
O secretario xeral de Unións, Roberto García, propón en primeiro lugar que todos os danos do lobo se paguen en tempo e en coantías suficientes. “Das 2.200 cabezas de gando que se levan perdidas no 2021 polo lobo, hai 600 ataques nos que a Xunta se nega a pagar indemnizacións argumentando que non se acreditou de forma suficiente que foi o lobo o causante do ataque. O proceso tería que ser o contrario: pagar salvo no caso en que se demostre que non foi o lobo”, propone García.
En segundo lugar, o secretario xeral de Unións defende as medidas de control, como a caza por danos, ou alternativas como o abandono de cadáveres de gando no monte, a modo de alimentación disuasoria, en zonas con problemas de ataques ó gando. “A cuestión é que coa nova protección do lobo, os condicionantes que se van pedir para a caza por danos van facer inviable esa opción”, reflexiona o secretario xeral de Unións, que lamenta o cambio de normativa.
“Nós non queremos cazar o lobo, iso que quede claro, pero tampouco queremos que o lobo nos cace a nós. Estase ameazando o modelo de produción da gandería extensiva e non temos ferramentas para afrontar esta situación”, cuestiona o secretario xeral de Unións.
Críticas á batalla política
Por último, García demanda unha solución estable para as indemnizacións por danos de lobo. Tralo aumento de protección da especie, a Consellería de Medio Ambiente anunciou que ía a deixar de pagar indemnizacións, co argumento de que o cambio da normativa estatal supuña na práctica unha retirada das súas competencias sobre o lobo.
Desde Unións consideran que a postura da Consellería non ten pés nin cabeza: “Iremos á vía xudicial se fose preciso. A Xunta debe renunciar a liortas políticas e asumir as súas competencias. Outra cousa é que o Ministerio poida e deba colaborar coas medidas que adopte a Xunta, pero ese é outro debate distinto”, valora Unións, que concentrou a un numeroso grupo de afectados ante a delegación territorial da Xunta en Celeiro.