Concentración ante Logística Alimentaria para denunciar baixos prezos

Os gandeiros manteñen ó longo de hoxe unha protesta ante a industria, en Outeiro de Rei, en protesta por incumprimentos de contratos da empresa. Controlan a entrada de camións, unha medida que barallan repetir en próximos días noutras factorías, a fin de evitar a chegada de leite de fóra

Concentración ante Logística Alimentaria para denunciar baixos prezos

Concentración hoxe ante Logística. / Imaxes: Leite Lugo.

Os gandeiros concentráronse hoxe ante Logística Alimentaria, en Outeiro de Rei, en protesta polos baixos prezos que paga a empresa. Os produtores, que levaron unha ducia de tractores ata a industria, tamén están a controlar a entrada de camións cisterna, a fin de evitar a chegada de leite importado. En próximos días, barallan repetir este tipo de controis ante outras industrias da comunidade.

A mobilización de hoxe, iniciada a raíz da asemblea convocada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo en Outeiro de Rei, quere chamar a atención sobre os incumprimentos de contratos por parte de Logística, algúns deles xa denunciados ante a Administración.

A industria tamén se está a distinguir polos baixos prezos que abona ós gandeiros, arredor dos 22-23 céntimos de media, segundo as estimacións da Plataforma. “Ten unha fórmula de pago 70-30, cun 30% do leite referenciado a produtos lácteos industriais, o que baixa moito o prezo”, explica Óscar Pose, representante de Unións Agrarias na Plataforma. “A maiores, houbo incumprimentos nos contratos en canto a primas, penalizacións e outras cuestións”, critica.

logistica cartel final

Os produtores sospeitan tamén da importación de leite por parte de Logística, motivo do control establecido ante a planta de Outeiro de Rei, que podería continuar en próximos días. Os gandeiros están a organizarse para operar por grupos que controlen os accesos ás industrias, de cara a evitar a chegada de leite de fóra, tal e como se acordou na concentración de Santiago de Compostela do pasado 31 de marzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información