O cultivo do arando en Galicia experimentou un importante crecemento na última década animado polos bos prezos deste froito -chegouse a pagar a ata 8 euros o kilo- e as boas condicións de solo e clima para a súa produción. A crecente demanda en España deste froito de moda atraeu a grandes inversores, tanto galegos, como é o caso de Horticina SL, con máis de 100 hectáreas no concello coruñés de Cerdido, como foráneas, caso de Surexport SL, empresa andaluza que rolda as 100 hectáreas de arando, amora e framboesa nos concellos lucenses de Begonte e Cospeito. Pero tamén foron ducias os pequenos emprendedores galegos que puxeron en marcha pequenas plantacións, de entre 1 e 5 hectáreas, atraídos polos bos prezos e falta de oferta no mercado.
Porén, a entrada en producción de enormes plantacións en países como Polonia, Rumanía, Macedonia ou Portugal, con custos laborais moito máis baixos que en Galicia -a man de obra é o principal custo, xa que en produción requírense unha media de 10 persoas por hectárea para a recollida do froito-, está a tirar os prezos no mercado, barrendo aos pequenos produtores galegos. “Son países nos que a produción coincide coa galega, nos meses de xullo, agosto e setembro. Pero mentres a nós en Galicia producir un kilo de arando cóstanos sobre 4 euros como mínimo, no caso de Polonia -con máis de 12.000 hectáreas plantadas- póñeno no mercado a 2 euros o kilo. O consumidor ségueo pagando igual no supermercado, a 10 euros o kilo de media, e a distribución quédase cunha marxe comercial moitísimo maior”, resume un pequeño produtor de Lugo.
Para coñecer como está a situación falamos con distintos produtores galegos:
Marcos López, produtor de Santa Locaia (Castro de Rei): “Decidín abandonar porque non podo seguir perdendo cartos”
Marcos López foi un dos pioneiros do cultivo de arando en Galicia. Este enxeñeiro agrónomo nado en Vigo, decidiu hai dez anos plantar 1,5 hectáreas de arando en Santa Locaia, no concello lugués de Castro de Rei. “Os primeiros anos foron bós porque vendía a unha cooperativa asturiana, Asturian Berries, que mo pagaba a entre 4,5 e 6 euros o kilo segundo fora achegándose máis a setembro a produción. Pagábamo a granel e só tiña que achegarllo a Vilalba”.
Pero as condicións foron empeorando progresivamente a medida que entraba máis produto foráneo: “Hai dous anos os prezos xa baixaron a entre 3,5 e 4,5 euros o kilo e despois cambiou tamén o formato: pasaron de mercalo a granel a facelo en tarrinas e caixas que tiña que pagar eu. Probei con outros compradores pero non había moito onde elixir porque Superxport deixou de comprar en Galicia cando entraron en produción as súas plantacións e a única que quedaba, Eurobanan, coa que traballei o ano pasado, deixoume sen recoller varios días, e o arando é un produto perecedoiro, co que se non cho compran pérdelo, e ademáis tes que seguir pagándolle aos temporeiros, que no meu caso eran 20 e supúñanme un coste de 1500 euros diarios”, recoñece.
Farto desta situación, Marcos cambiou de traballo e decidiu manter a plantación de arandos como unha segunda actividade, “pero retirándome”, como matiza”. Vende a particulares a entre 7 e 8 euros o kilo e se os veñen recoller eles a 4 euros.
“Non lle vexo futuro aos pequenos produtores. O noso produto ten unha calidade infinitamente maior que a do foráneo, porque o recollemos no punto idóneo de maduración e ao día seguinte está no mercado, mentres que o que ven do resto de Europa, e xa non digamos o que procede de Perú ou Chile, foi recollido hai un mes, gaseado para que se conserve, e así se explica que non saiba a nada. Pero á gran distribución déixalle moito máis diñeiro e por iso nos sacan do mercado”, recoñece.
Na súa opinión, o futuro para manter a produción de arando en Galicia pasa pola mecanización da recolección do froito.
Horticina: O maior produtor de arando de Galicia vese abocado a apostar pola mecanización para ser competitivo
A mecanización é precisamente a estratexia que está a seguir Horticina, o maior produtor galego de arando, para seguir sendo competitivo no mercado. No seu caso contan con 85 hectáreas en produción no concello coruñés de Cerdido, pero este ano plantaron outras 26 e teñen outras 150 hectáreas en propiedade para seguir medrando no futuro.
“O mercado é global e vai a prezo, e tes competencia de Macedonia, Polonia e outros países, polo que debes ter un produto da máxima calidade, homoxéneo e cos menores custos de produción para ser competitivo. No noso caso apostamos pola produción ecolóxica e pola mecanización da recollida, que este ano chegará ao 50% da produción”, explica Miguel Mato, copropietario de Horticina.
Ademáis da mecanización e do volume, unha terceira pata da estratexia de Horticina é reducir intermediarios. Así, comercialización eles mesmos a súa produción a través da marca Cool Berries, que venden por toda Europa.
Como mostra de como cambiou o mercado nos últimos anos, Miguel Mato lembra que “cando empezamos hai case dez anos o prezo ao produtor podía chegar en setembro, e mesmo a finais de agosto, a entre 9 e 10 euros o kilo, mentres que agora o prezo máximo non chega aos 5 euros”.
Sonia López, Os Arandiños: “O futuro para os pequenos produtores pasa por facer produtos elaborados”
Sonia López é unha pequena produtora que comercializa a súa produción baixo a marca “Os Arandiños”. Conta cunha hectárea de cultivo en Belesar (Vilalba) e como mostra do desplome dos prezos no mercado conta que “cando empezamos no 2013 unha tarrrina de 125 gramos arandos chegaba a custar 3 euros e hoxe anda nos 0,90 céntimos, por riba dos nosos custos de produción”.
Outra dificultade que comparta co resto de produtores é a escaseza de man de obra: “Este é un traballo moi intensivo en persoal para a recollida e o problema é que non atopas xente para traballar no campo”, advirte.
No seu caso a súa estratexia é comercializar a nivel local e non só arando fresco senón tamén marmeladas e zumes. “O futuro para os pequenos produtores é ir a produtos elaborados de máis valor, e aínda así vainos ser moi difícil saír adiante porque lamentablemente o consumidor neste país vai a prezo, e dálle igual o sabor e se o arando ven de Galicia ou do Perú”, lamenta.
Ramiro Touceda, presidente de Berries Galicia: “A culpa é da distribución e dos consumidores, noutros países priorízase o produto nacional”
Ramiro Touceda é presidente de Berries Galicia, unha asociación que agrupa a unha vintena de pequenos produtores de arandos, amorados e outros froitos do bosque. Ademáis, é produtor na súa empresa agrícola familiar, Río Ulla Sat, no concello pontevedrés da Estrada.
Á hora de describir a situación do mercado é pesimista e non se anda con rodeos: “O sector da horta está moi mal. Estámonos deixando comer polas grandes superficies que meten produto de fóra máis barato que lles deixa moita máis marxe, porque as esixencias salariais e medioambientais neses países son menores”, denuncia.
Pero tampouco repara en críticas aos consumidores: “O consumidor en España en xeral compra por prezo e non lle importa nin a orixe, nin o sabor nin que desta forma non se estea deixando o diñeiro no entorno local. É algo que non sucede noutros países europeos, onde claramente se prima a produción nacional e o propio cliente se queixa ao supermercado se o produto non é local”.