¿Como atraer persoal asalariado para as ganderías de vacún de leite?

A Cooperativa Agraria Provincial da Coruña organizou este venres unha xornada de análise sobre “Xestión da man de obra nas explotacións de vacún de leite”. Mellorar a motivación, formar ao persoal e remunerar por obxectivos realistas son algunhas das recomendacións para atraer traballadores asalariados ás explotacións gandeiras

¿Como atraer persoal asalariado para as ganderías de vacún de leite?

Traballadores de Granxa O Cancelo. Foto: Cap Coruña

A xestión da man de obra é unha das materias que máis preocupan ás ganderías de vacún de leite, tanto pola dificultade de atopar persoas dispostas a traballar como asalariadas nunha explotación, como para conseguir que a relación laboral sexa estable no tempo.

Os titulares dunha explotación fórmanse para ser bos gandeiros e bos agricultores, pero non para xestionar man de obra asalariada ao seu cargo. E é necesario facelo para establecer unha relación laboral satisfactoria entre gandeiro e asalariado, que redunde nunha maior rendibilidade da explotación.

Para abordar a realidade crecente do persoal asalariado, a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña organizou este venres en Miño unha xornada de análise sobre “Xestión da man de obra nas explotacións de vacún de leite”. Na xornada participaron unhas 30 persoas de 25 ganderías que están no grupo de xestión da Cap Coruña.

Un salario bruto que se sitúa nunha media de 1.100 euros mensuais

Como punto de partida, o asesor da Cooperativa Agraria Provincia da Coruña, Juan José Freire Quintáns, expuxo a realidade laboral da persoal asalariado nas explotacións que participan no grupo de xestión da CAP Coruña, o que constitúe unha referencia da realidade xeral do sector. Das 51 ganderías 35 xa teñen man de obra asalariada, e en 20 explotacións teñen máis do 50% do persoal asalariado. “En total estas 51 ganderías crean 155 postos de traballo directos, dos que unha boa parte son de traballadores externos e o resto persoal familiar”, destaca Juan Freire.

En canto aos salarios brutos da man de obra, en 2016 situáronse en 1.152 euros mensuais en doce pagas, cun máximo de 1.733 euros e un mínimo de 650 euros. En canto aos rendementos por Unidade de Traballo Agrícola (UTA) ao ano foi en 2015 dunha marxe neta de 12.242 euros.

“O sector necesita persoal asalariado e moitas veces hai dificultade para contratar xente, a veces polas condicións salariais, pero tamén porque é un traballo socialmente pouco valorado, a pesar de que pode ser unha alternativa moi interesante para a xente que vive ou está disposta a vivir no rural e que quere ter un traballo preto da casa”, salienta o asesor de Cap Coruña.

“As principais vantaxes -engade- é que o traballo que se ofrece é estable, realízase nun espazo aberto e hai moi pouca morosidade”.

Propostas para mellorar a xestión da man de obra e facer máis atrainte o traballo nas ganderías

– Condicións dignas e atraíntes para o persoal asalariado. Incidiuse na necesidade de mecanizar o máximo posible os traballos para reducir a súa dureza e penosidade. “Ademais do benestar das vacas hai que pensar tamén no benestar dos asalariados”, subliña Juan Freire.

-Salario adecuado ás responsabilidades e traballar con incentivos por obxectivos. Ademais da parte fixa do salario deberíase engadir primas en base a resultados medibles e realistas. Por exemplo, en base a produción por vaca, células somáticas…etc, repartindo beneficios entre os traballadores cando se acadan os obxectivos. “Hai que facer ao persoal asalariado partícipe dos éxitos, e non é excusa que non se poden repartir beneficios porque os prezos do leite están baixos, porque cando estiveron altos tampouco se repartiron”.

-Cómpre establecer quendas para garantir días de libranza e vacacións para o persoal asalariado e tamén para o gandeiro.

-É preciso traballar a empatía entre o empregador ou empregadora e o  persoal asalariado, establecendo unha relación laboral baseada na confianza e no respecto mutuos.

-Organización do traballo. É necesario definir tarefas e protocolos -tamén por escrito-, asignar responsabilidades, comunicar e motivar. Debe haber entre o gandeiro ou gandeira e o persoal laboral unha comunicación no día a día, cun intercambio de opinións, para corrixir erros e tamén para celebrar éxitos.

-Instalacións e material adecuado para facilitar o traballo diario e o benestar das persoas (roupa de traballo, maquinaria, un cuarto para cambiarse…etc).

cap_coruna_charla

Participantes na xornada. Foto: Cap Coruña

Os gandeiros e gandeiras participantes coincidiron no diagnóstico de que é preciso mellorar a súa formación para xestionar equipos humanos. “A reflexión conxunta dos participantes foi que temos que crear condicións favorables, tanto salariais como de motivación, para que o traballo asalariado nunha gandería sexa atractivo e a xente se quede e se forme, porque os asalariados van ser cada vez máis importantes para garantir o futuro das explotacións e para mellorar a calidade de vida dos gandeiros”, conclúe Juan Freire.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información