O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei celebrou este xoves a Cata de Cualificación da Colleita 2016. Nesta cata, celebrada na sede do propio Consello Regulador, participou unha significativa representación das principais asociacións profesionais do sector, así como membros do Panel Oficial da Denominación de Orixe Monterrei, que cualificaron como “excelente” a anada 2016 dos viños de Monterrei. O panel de cata destacou “a diversidade, complexidade e aromas de carácter froiteiro en brancos; mentres que en tintos existe unha maior amplitude de expresións”.
Unha representación proporcional de viños da denominación someteuse ao xuízo do panel para valorar a presente colleita. Ditas mostras foron analizadas por cada un dos catadores, que realizaron unha valoración “a cegas2 de todas elas, para manter así criterios de obxectividade ao tratarse de mostras anónimas.
A nota final ha resultado do cálculo da media das puntuacións concedidas por cada catador a cada unha das mostras, incluíndo neste cálculo tanto as referencias de tintos como de brancos. Finalmente, esta puntuación trasládase a unha táboa de correspondencias onde se obtén a cualificación de colleita.
Integrantes do panel de cata
Foron un total de sete persoas as que conformaron o equipo que examinou os viños. Un panel transversal, acreditado en cata e coñecedor da tipicidade dos viños da D.O. Monterrei que contaba con membros de distintos sectores de produción, certificación, divulgación e comercialización do viño. Dous deles pertencen ao panel de cata do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, e os catro restantes á Asociación de Catadoras de Galicia Gallaecia, Asociación Galega de Catadores, Asociación Galega de Enólogos e guías vitivinícolas.