“Coa venda directa conseguimos até un 30% máis de valor”

Entrevista a Joan Alibés, gandeiro de ovino e cabrún de Lugo. Fundou Beealia para vender directamente a súa carne e "deixar de estar vendido aos tratantes". Agora van quitar unha marcha propia.

“Coa venda directa conseguimos até un 30% máis de valor”

A carne de cordeiro e cabrito de Beealia envíase envasada a domicilio.

Beealia é un grupo de novos gandeiros –La Cabreta e Veiga de Luaces- situados no concello de Pol, na provincia de Lugo, en Terras do Miño, que dende o 2007 ven apostando pola produción de cabrito e cordeiro de calidade. As súas ganderías caracterízanse polo aproveitamento dos pastos, o benestar dos animais e o respecto pola contorno.

Ante a realidade da falta de estructura na gandeiría de ovino e cabrún en Galicia, “en mans de tratantes que non pagan máis pola carne de calidade” en 2010 decidiron dar o paso de comercializar directamente a súa carne a través de Beealia, unha plataforma de internet a través da cal o cliente pode facer o seu pedido e envíaselle a domicilio. A experiencia foi tan positiva que agora xa están a piques de quitar un selo propio para identificar a carne de cordeiro e de cabrito de Galicia producido en extensivo, a base de leite e pasto.

Para falar de todo isto entrevistamos a Joan Alibés, gandeiro de La Caberta e fundador de Beealia.

Como naceu Beealia?
Os gandeiros integrantes de Beealia coñeciámonos da universidade e arrincamos cada un polo noso lado coa gandería pero con ideas semellantes en canto ao manexo e o tipo de gandería en extensivo.

A outra circunstancia foi que viamos que no mercado o tratante de quenda non valoraba a nosa carne de calidade, tratando o noso gando como un xenérico máis.

A maiores, viamos que en Galicia o mercado de gando cabrún e ovino está desestructurado e quen manda é o tratante, que che transmite que che está facendo un favor vindo a comprarche os cabritos e os cordeiros. É dicir, como gandeiro estás vendido.

“En Galicia o sector está desestruturado e estás vendido a tratante”

Por último, viamos que o mercado está moi desestructurado tamén en canto ao produto que se oferta, con cordeiros moi dispares en canto a peso e a tamaño.

Todo iso levounos a intentar comercializar nós mesmos a nosa carne.

Cando empezastes a pór en marcha esa idea?
Empezamos no ano 2010. Previamente, no ano 2009 empezou a nosa gandería, La Cabreta, e no 2007 xa empezara Veiga de Luaces, a outra gandería fundadora de Beealia.

E como valorades a experiencia 5 anos despois?
Moi positivamente. Estamos a vender practicamente a totalidade da nosa produción a través de Beealia, pero non ten sentido se só serve para comercializar os cordeiros e cabritos das nosas dúas ganderías. Por iso necesitamos máis animais de máis ganderías.

É dicir, acadamos o noso primeiro obxectivo pero queremos seguir medrando.

En canto á resposta dos clientes foi boa porque valoran coñecer o que comen e de onde ven. A nosa clientela busca unha produción responsable e apoiar un proxecto e uns sistemas de produción sustentables.

Por iso, o noso traballo en Beealia ten moito de comunicación e de transparencia. Nesta liña, estamos ultimando unha marca para o noso produto que resuma todo o que facemos e que presentaremos próximamente.

“Imos quitar en breve unha marca propia para o cordeiro e o cabrito criados a base de leite e pasto”

En que consistirá esta marca propia?
Así como se merca un lechazo cunha IXP, o noso non será unha IXP pero si un selo privado de calidade extensible a todo aquel que teña o mesmo sistema de produción en extensivo baseado no pasto. Nun principio limitámonos á nosa comarca, no norte da provincia de Lugo, pero todo depende de que o gandeiro que se queira acoller ao noso selo utilice o mesmo sistema de cría ca nós.

Temos xa dous ou tres gandeiros que están á espera de incorporarse ao proxecto.

Que diferencia á carne que producides en Beealia?
É unha carne máis saudable porque se alimenta a base de pasto verde, polo que ten un mellor perfil nutricional, con máis ácidos graxos Omega 3. Ademais, é unha carne sustentable, porque se produce mediante un sistema baseado no pastoreo e con moi pouca cantidade de insumos externos. E en terceiro lugar é unha produción de proximidade, cun 95% das nosas vendas en Galicia e arredor dun 5% que vendemos fóra, fundamentalmente a Barcelona.

“Coa venda directa melloramos o prezo dos cordeiros un 15% e o dos cabritos un 30%”

Que diferencial de ganancia supón para vós comercializar directamente a vosa produción?
No cordeiro conseguimos vendelo ao máximo que nos podería pagar un tratante, o que supón un 15% máis de valor. No caso dos cabritos estamos conseguindo un 30% máis de valor.

En definitiva, conseguimos valorizar o noso produto e o feito de chegarmos directamente ao consumidor final fai que que as marxes dos intermediarios repercutan no produtor.

Durante o ano 2014 fomos rodando o sistema de comercialización e agora o paso que nos falta é producir máis cantidade.

“Temos unha lexislación tremendamente restritiva para que os gandeiros podan vender directamente a súa carne, o seu leite ou os seus queixos”

Cales foron os principais atrancos que vos atopastes á hora de vender directamente o voso produto?
A primeira dificultade é atopar un matadoiro que che queira sacrificar porque en Galicia están centrados no vacún e no porcino. Case que che están facendo un favor por sacrificar un cabrito ou un cordeiro.

E cando atopamos un matadoiro, os custos de sacrificio son entre un 50 e un 100% máis caros que en Castela, xa que o volume é moito menor.

Por outra parte, unha vez que conseguimos chegar directamente ao consumidor temos un problema de lexislación. E é que en España e en Galicia non temos lexislación para produtos alimentarios e transformacións artesanais: se queremos ter unha sala de despece e instalacións propias para sacrificio e venda temos que cumprir os mesmos requisitos que un gran matadoiro, co cal os custos son altísimos e inasumibles.

Temos unha lexislación tremendamente restritiva que é un obstáculo para que os gandeiros podan vender directamente a súa carne, o seu leite ou os seus queixos. A Xunta leva 8 anos cun proxecto estancado, o Decreto de Artesanía Alimentaria, cando a Unión Europea o permite e hai países como Francia que son un referente para que os gandeiros transformen e vendan os seus produtos.

En Beealia conseguimos superar este obstáculo utilizando as instalacións dun matadoiro, pero isto conleva moitos atrancos organizativos.

Joan Alibés en La Cabreta, a súa gandería no norte de Lugo.

2 ideas sobre ““Coa venda directa conseguimos até un 30% máis de valor”

  1. genona

    Estupendo!!!
    Muchos ánimos a totos aquellos que, como vosotros, apuesten por la ganadería de calidad.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información