“Na miña casa sempre houbo algunha cabra e foron uns animais que sempre me gustaron, por iso decidín que ese podía ser o meu proxecto de futuro”, explica Isaías Medela. Este mozo da parroquia de Vilatuxe, en Lalín (Pontevedra), decidiu apostar polas cabras no concello con máis vacas de Galicia. “Tiña claro que vacas non quería, en parte polo importante investimento que supón comezar de cero cunha granxa de vacún”, apunta.
Comezou hai pouco máis de dous anos coa gandería de cabras xunto co seu pai Miguel, que xa mercara a primeira parella de animais cando el era apenas un cativo. Entre ambos compaxinan os labores de coidado da gandería Cabra mee. Hoxe teñen un rabaño de 160 animais e queren chegar a ter 600 cabezas, a base de recría propia e da incorporación de cabras de raza pura.
“A verata é unha raza que se adapta ben tanto para a produción de leite como de carne, ademais come ben, engorda ben e é bastante rústica”
En agosto do 2021 mercaron o primeiro lote de cabras para comezar coa actividade profesional. Daquela trouxeron unhas 70 cabras procedentes da Serra de Gredos (Ávila). Recoñece que nestes primeiros tempos tamén tiveron certas dificultades. “A humidade que temos en Galicia foi un problema para as cabras e tiveramos moitas baixas por iso naquel primeiro inverno. Tamén é certo que eran cabras adultas, ás que lles costa máis adaptarse que se foran cabritas novas”, recorda Miguel.
A maior parte das súas cabras son de raza Verata, aínda que tamén teñen cruces de raza Malagueña. “Gústanos a Verata porque é unha raza que se adapta ben, tanto para a produción de leite como de carne, ademais come ben, engorda ben e é bastante rústica”, explican os gandeiros.
Polo momento non barallan incorporar outras razas, pero están interesadas en coñecelas. “Este ano estivemos na Semana Verde con criadores de cabras de raza galega e habemos de visitar a súa gandería para coñecer máis sobre esta raza”, valoran os pastores.
O día a día co rabaño
Todos os días, o rabaño sae ó monte ou ó prado a pacer, agás no inverno cando está moi mal tempo, que quedan na corte con herba seca. “Case sempre imos os dous co rabaño e cando non, o que queda prepara as cortes ou atende os cabritos pequenos”, apunta Isaías.
Manexan unha superficie de arredor dunhas 100 hectáreas de monte e pradeiras. “Hai moita xente que nos deixa prados para lle pacer antes de anovalos. Tamén hai quen nos deixa fincas de monte para que non se lle cubra de maleza”, indican os gandeiros. Só de prados dende finais de verán pacen unhas 50 hectáreas. “Por agora aínda son poucas cabezas de gando, pero cando cheguemos ás 600 ha de ser un importante método para previr lumes”, reivindica Isaías.
En determinadas épocas do ano xestionan arredor dunhas 100 hectáreas de monte e pradeiras. Teñen previsto sementar cereais en parte destas fincas para complementar a alimentación do gando
A alimentación das cabras céntrase no pasto e compleméntase con herba seca. Porén, Isaías pretende sementar cebada e trigo nos próximos anos para introducir tamén estes cereais e a palla na dieta dos animais, xa que teñen previsto comezar coa produción de leite para a elaboración de queixos. “Co aporte de cereais conséguese que as cabras teñan máis leite tanto para criar as crías como para aproveitar para facer queixos”, explica Isaías.
A produción propia de cereal teñen pensado realizala tamén en zonas de monte, un xeito máis de contribuír a reducir o risco de incendios forestais. De feito, aínda que Isaías case non o viviu por ser aínda un cativo, tanto seu pai como seu avó foron durante anos quen se encargaban de colleitar o trigo e o centeo, ó contar cunha das poucas malladoras na zona.
Coñecer outras ganderías
Antes de comezar coa súa, Isaías estivo tamén en contacto con outros gandeiros de distintas zonas de España para coñecer de preto como era o oficio de pastor e ter maior coñecemento destes animais. Así, hai 4 anos estivo en Ávila, nunha gandería con cabras Veratas onde tivo oportunidade de coñecer máis sobre a raza.
Tamén estivo nunha gandería de Los Gallardos (Almería), onde contaban con cabras de leite e ovellas de carne. “Foi un xeito de ver como traballaban en distintas ganderías e coñecer outras oportunidades de negocio, xa que nunha delas tamén tiñan visitas con rapaces á gandería, unha iniciativa que nós tamén estamos valorando”, detalla Isaías. Ademais, recoñece que agora mantén moi boa relación con eses gandeiros, co que foi un xeito de crear contactos profesionais no sector.
Primeiros pasos para a produción de queixos
Polo de agora, os animais que van nacendo na gandería dedícanos para a recría, no caso das femias, mentres que os machos os comercializan directamente tanto a veciños coma a restaurantes locais. Teñen previsto centrarse tamén na produción de leite para a elaboración de queixos, de feito nos últimos meses estiveron xa comezando coas primeiras probas. “Estivemos facendo xa algúns queixos e dándollos a probar ós coñecidos e amigos para ir tendo valoracións do produto”, indican.
Teñen previsto comezar coa queixería propia no 2025
Aínda que nun primeiro momento valoraron alugar unha nave para a queixería, optaron por instalala nas proximidades da granxa para poder optimizar o tempo e compaxinar a atención da gandería coa elaboración dos queixos. “ A intención é comezar coa queixería de cara ó 2025”, apunta Isaías.
Xunto coa produción de queixos, en Cabra mee tamén teñen pensado realizar visitas á gandería. “Queremos que a xente poida achegarse e coñecer como é atender unha gandería e mesmo vir coas cabras, para disfrutar da tranquilidade e a paz de estar no monte co rabaño”, reivindican os gandeiros.
De feito, xa tiveron algunhas experiencias con grupos de nenos dos campamentos estivais ou de grupos que se achegan ata a capital dezana para coñecela, tendo deste xeito unha oportunidade de ver de preto os seus montes e unha forma de vida no rural coa gandería.
- Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.