A factoria de Clesa (Caldas de Reis, Pontevedra) e a de Clun (Pontemaceira, Ames, A Coruña) foron escenario hoxe dunha visita do ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, que aproveitou a súa estancia en Galicia para coñecer dous exemplos de éxito de procesos cooperativos industriais. Tras manter unha reunión coa directiva de Clun, Planas compareceu ante os medios para destacar o esforzo integrador protagonizado polas cooperativas nos últimos anos. “Avanzamos moito, pero aínda queda un camiño por percorrer nesa materia en España”, sinalou.
Previamente ó encontro en Clun, Planas visitou a fábrica de Clesa, propiedade de Acolact, unha sociedade participada por Clun e por outras cooperativas galegas (Aira, Cobideza, O Rodo, Cusoviame, etc.). Sobre Clesa, o ministro incidiu na súa importancia na diversificación dos produtos lácteos, máis alá do leite líquido, unha cuestión que dixo, está a cobrar maior importancia tras o fin das cotas no 2015.
Planas fixo tamén un repaso polos principais números do sector. Recoñeceu a progresiva redución de explotacións lácteas -dun 6% no 2018-, se ben valorou que é “un proceso lóxico, de cara a gañar dimensión e competitividade”. Outro punto negativo situouno o ministro na progresiva baixada do consumo de leite en España, un dato matizado polas “positivas perspectivas” para o mercado lácteo a nivel mundial, cunha poboación en crecemento que demanda lácteos.
O ministro ten previsto rematar esta tarde a súa visita a Galicia coa inauguración en Lugo do Congreso de Economía Agraria, que acolle a Escola Politécnica (Universidade de Santiago).
Máis información
– O sector lácteo encalla no supemercado.