A Xunta presentoulle hoxe ó sector forestal cinco proxectos que pretende impulsar con fondos europeos do plan de recuperación económica, coñecido como ‘Next Generation’. O máis ambicioso é a construción dunha planta de viscosa, que precisaría dun investimento aproximado de 950 millóns de euros, segundo os cálculos do Goberno galego.
A viscosa é unha fibra téxtil derivada da madeira que está gañando mercado nos últimos anos, pois ó obterse das árbores, é percibida polo mercado como máis sostible que as fibras sintéticas, derivadas do petróleo, ou mesmo que o algodón, un cultivo cuestionado polo seu impacto ambiental. O obxectivo da Xunta é crear unha planta que produciría 250.000 toneladas de viscosa ó ano, para o que precisaría arredor de 1,5 millóns de toneladas de madeira.
O proxecto do Goberno galego atopa unha iniciativa xemelga na liña de viscosa planificada por Ence Navia (Asturias), que aspira a ampliar a súa planta nos próximos anos para producir alomenos 100.000 toneladas de viscosa anuais, así como unha nova gama de produtos hixiénicos absorbentes (pañais, compresas, etc.). Ence paralizou a súa iniciativa a comezos deste ano por problemas financieiros, pero a compañía ten asegurado nos últimos meses que porá en marcha en breve as ampliacións previstas en Navia.
Ence Navia proxecta unha iniciativa xemelga en Asturias para montar unha liña de 100.000 toneladas de viscosa ó ano
Se as iniciativas de Ence Navia e da Xunta van adiante, unha dúbida que xorde é ata que punto hai capacidade forestal en Galicia e na Cornisa Cantábrica para ofertar madeira suficiente, pois a demanda adicional de ambos proxectos superaría os 2 millóns de toneladas de madeira.
No caso de Ence Navia, a ampliación de capacidade cubrirase en exclusiva con madeira de eucalipto, segundo as previsións iniciais, se ben no caso da factoría proxectada pola Xunta esa cuestión está por definir.
As perspectivas apuntan a que a principal materia prima que empregue a planta promovida pola Xunta sexa eucalipto, pero poderían entrar outras especies forestais e mesmo papel e cartón para reciclar, segundo anunciou hoxe o presidente da Xunta na presentación do proxecto. O obxectivo da Xunta é que toda a madeira que entre na nova planta proceda de aproveitamentos sostibles, realizados baixo selos de certificación forestal.
O Goberno galego polo de agora non aclara como acometería a posta en marcha da planta de viscosa, que asegura que crearía 1.000 empregos, pero desde as distintas organizacións do sector dáse por seguro que se buscaría unha vía de colaboración público – privada.
Planta piloto de novos materiais
Outro polo de innovación proxectado pola Xunta pasa pola posta en marcha dunha planta piloto de novos materiais derivados da madeira. O obxectivo é traballar na obtención de novos materiais que poidan ter uso nas “industrias galegas estratéxicas”, segundo avanza a Xunta. Esta planta piloto estaría ligada ó actual centro tecnolóxico da madeira, o CIS Madeira. Para este proxecto a Xunta solicita 4 millóns de euros.
Apoio á construción estrutural en madeira
Entre os novos espazos que está gañando a madeira, figura o da construción estrutural, que xa conta cunha primeira planta de fabricación na comunidade, en Coirós, adicada ó CLT (Cross Laminated Timber), unha madeira contralaminada apta para muros de carga, tabiques e forxados de entreplantas e cubertas. O CLT está gañando mercado a pasos axigantados en Europa, se ben o seu uso en Galicia e no resto de España atópase nunha etapa inicial.
Para incentivar o seu emprego, a Xunta proxecta destinar 26 millóns de euros a apoiar proxectos públicos e privados de construción en madeira estrutural. Con eses fondos, espérase impulsar a construción de centos de vivendas con madeira estrutural, así como de edificios de uso público, comercial e industrial.
Dixitalización e descarbonización
Os fondos do plan de recuperación ‘Next Generation’ enfócanse a dúas cuestións fundamentais, que a Comisión Europea considera prioritarias: unha economía máis verde e o apoio á dixitalización.
O sentido de fondo dos proxectos que presenta a Xunta para optar ós fondos enfócase principalmente a promover iniciativas forestais que contribúan a mitigar o cambio climático, pois como é sabido, as árbores captan dióxido de carbono da atmósfera, que queda despois almacenado na madeira e nos distintos produtos nos que se converte. Esa capacidade de ser unha das poucas materias primas cunha pegada de carbono negativa ábrelle grandes perspectivas de uso para as próximas décadas.
Os outros dous proxectos deseñados pola Xunta para optar ós fondos europeos, ambos presupostados en 4 millóns de euros, oriéntanse precisamente nas dúas grandes liñas dos fondos Next Generation: a descarbonización da economía (redución da pegada de carbono, promoción da economía circular, etc.) e a dixitalización do sector forestal, de cara a mellorar procesos produtivos e trazabilidade da madeira.
Valoracións do sector
Desde as industrias forestais e da madeira, que asistiron hoxe á presentación realizada polo presidente da Xunta, recíbense con ilusión os proxectos. En concreto, a Asociación de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo subliña que estas iniciativas demostran que “o aproveitamento da madeira é unha oportunidade para Galicia e para o rural, convertíndose nunha punta de lanza da economía”.
Sobre a posiblidade de que Galicia e a Cornisa Cantábrica poidan suministrar madeira suficiente para os dous proxectos de viscosa que hai sobre a mesa, o de Ence Navia e o da Xunta, na Asociación dáno por seguro, posto que o Plan Forestal de Galicia prevé aumentar as cortas sostibles de madeira en 3 millóns de metros cúbicos nos próximos 20 anos, pasando de 9 a 12 millóns de metros cúbicos de madeira cortada anualmente.