Esta tarde, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo acolleu a clausura dos cursos de Fruticultura e Transformados e de Viticultura e Enoloxía 2023 promovidos pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa institución educativa. En total, nos dous cursos inscribíronse 87 persoas de diferentes perfís, que van desde profesionais en activo que buscaban adquirir novas técnicas ata particulares que acudiron por afección.
Os catro módulos nos que se dividiu Fruticultura e Transformados (120 horas) foron Poda de froiteiras, Propagación de especies froiteiras e técnicas de cultivo, Planificación da explotación, defensa vexetal, traballos de mantemento, mecanización e instalacións frutícolas; e Aproveitamento e transformación de produtos frutícolas. Ao remate, o alumnado que completou todas as sesións puido adquirir os coñecementos para o manexo de explotacións froiteiras, así como para conservar, elaborar e comercializar froitas elaboradas.
Pola outra banda, o curso de Viticultura e Enoloxía constou de dúas partes (100 horas). De febreiro a xullo, abordáronse os traballos de poda, labores culturais de mantemento das vides e control de maduración das uvas. A partir de setembro e ata o remate, o alumnado centrouse nas labores de colleita e vinificación.
Durante o acto desta tarde, os asistentes recibiron os diplomas de aproveitamento e degustaron os produtos feitos por eles mesmos: viño, sidra e mosto.
Precisamente, no seu discurso de clausura, Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega, recordaba a riqueza da nosa terra para producir case calquera tipo de froita, contando ademais con variedades propias moi interesantes. “As uvas para facer viño son o mellor exemplo da capacidade da nosa contorna agrícola para xerar actividades capaces de crecer e exportar”, destacou. Esta base, continuaba, son as “razóns que xustifican as liñas de traballo básicas da Fundación Juana de Vega. Entre elas, o noso sostido apoio a estes cursos de Fruticultura e Viticultura para formar a persoas interesadas nestes campos”.
Once anos
Os cursos de Fruticultura e de Viticultura da Fundación Juana de Vega impártense de forma continúa desde 2012 con moi boa acollida e demanda, tendo en conta que o alumnado ten que pagar unha taxa. A súa particularidade é que cobren todo o ciclo vexetativo das plantas e cada ano, ofrecen novidades no seu programa.