Baixada do gando en Silleda nunha xornada con pouca asistencia

Baixada do gando en Silleda nunha xornada con pouca asistencia

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra no recinto feiral de Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos da recría, tanto nos becerros pintos coma nos de cruzamentos, así como no vacún maior e en tenreiros carniceiros. O feito de coincidir en festivo provocou que a asistencia de gando fóra prácticamente a metade que nunha xornada normal, e isto tamén puido influir nos prezos.

Na recría de raza frisoa, o prezo de referencia dos becerros máis novos, os de menos de 20 días, baixou case 24 euros con respecto á pasada semana e sitúase nos 60 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio atópase nos 93 euros, logo dunha baixada de 9 euros. Os animais de máis de 50 días experimentaron a redución de 21 euros e quedan cun valor medio de 112 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais houbo baixadas nas categorías de machos. Así, nos animais de entre 20 e 50 días, os machos descontaron 12 euros e cotízanse de media a 3295 euros esta semana. Mentres, as femias tiveron unha subida de 15 euros e quedan nos 257 euros. Nos becerros máis novos, os de menos de 20 días, tiveron unha baixada de 23 euros nos machos, quedando nos 281 euros. Nos animais de máis de 50 días, os machos tiveron un valor medio de 498 euros, o que supón unha baixada de 9 euros. Nas femias, pola contra, subiu o prezo 19 euros e acadan os 379 euros.

No caso dos tenreiros carniceiros houbo baixadas dos prezos medios en boa parte das categorías. Nos cruces industriais os machos pagáronse de media a 927 euros (145 euros menos). Nas femias tamén houbo unha caída pero menor, de 46 euros, e quedan nos 835 euros.

Os animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema tiveron un valor de referencia de 984 euros, 62 euros menos que a semana pasada.

No vacún maior houbo baixada dos prezos en case tódalas categorías, agás no desvelle, que se mantivo nos 471 euros. As vacas da categoría extra tiveron un valor medio de 2117 euros, é dicir, 74 menos que a semana pasada. Nos animais de primeira, o prezo situouse nos 1126 euros, o que supón 53 euros por debaixo do valor da feira anterior. A vacas de segunda tiveron unha baixada de 33 euros e quedan nos 747 euros.

vacun silleda decembro 1 22

Subas nos leitóns

Na mesa de cotizacións do porcino, o prezo do porco cebado mantense estable e rexistráronse novas subas nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal teñen un valor de 1,66 e 1,635 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,123 euros. A única modificación produciuse nos animais de descarte, que tiveron unha suba de 0,02 euros e sitúanse entre os 0,76 e os 0,2 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha suba de 6 euros. Deste xeito, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 69 euros (cun prezo de 3,45 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 64 euros e cun prezo por quilo de 3,2 euros.

O mercado do ovo mantense sen cambios en tódalas categorías: Os ovos da XL están a 2,8 euros a ducia, os da L a 2,59 euros, os ovos da M a 2,23 e os da S a 1,98 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas tampouco experimentaron variacións de prezos, que quedan entre os 0,31 e os 0,38 euros.

A Lonxa do Coello (Loncun) marcou o xoves 24 de novembro, na última sesión celebrada, un prezo de 2,70 euros por quilo.

outros silleda decembro 1 22

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información