A Comisión Europea acaba de publicar o informe final do proxecto Epilobee 2012-2014, levado a cabo polo Laboratorio de Referencia de Sanidade Apícola da Unión Europea. O informe revela un importante descenso na taxa de mortalidade de colmeas no inverno 2013-2014. No caso concreto de España a mortalidade pasou dun 10,2% en 2013 a un 5,5% en 2014.
Os datos de recuperación coinciden co inicio en decembro de 2013 da moratoria de dous anos -finalizará en decembro deste ano- acordada pola Unión Europea para tres tipos de pesticidas neonicotinoides, que para boa parte dos apicultores son a causa da desaparición das abellas.
Malia os datos positivos, o informe apunta que os resultados deberían ser tomados con precaución e e recomenda unha maior investigación sobre a desaparición das colmeas.
No estudo participaron 17 países da UE e obsérvanse grandes diferenzas entre eles. Así, no inverno 2012-2013 a taxa de moralidade das colmeas variaba do 3,2% de Estonia ao 32% de Bélxica. Na maior parte dos Estados membros a mortalidade oscilaba entre o 10 e o 16% das colmeas. É de resaltar que os principais países produtores de mel da UE, Italia e Grecia, a mortalidade era inferior: dun 5,5 e dun 6,5%, respectivamente.
Os datos dun ano despois, do inverno 2013/2014 amosan que a mortalidade descendeu na maior parte dos países, oscilando entre o 3,2% de Estonia e o 15,4% de Suecia. Na maior parte dos países analizados a moralidade reduciuse á metade, agás en Francia, onde se mantivo estable en arredor do 14%. En Italia e Grecia, que xa partían dunha mortalidade das abellas, baixa, descendeu lixeiramente.