Convocadas as axudas da Xunta para produción e comercialización de produtos apícolas

Poderán ser beneficiarias aquelas persoas titulares de explotacións apícolas, incluídas as de titularidade compartida, así como as agrupacións de apicultores. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230508/AnuncioG0426-190423-0001_gl.html

Prazo: Ata 08/06/2023

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural destinada á mellora das condicións xerais de produción e comercialización dos produtos apícolas, enmarcada na Intervención Sectorial Apícola recollida no Plan Estratéxico Nacional da Política Agraria Común (PAC), que ten como obxectivos principais contribuír á protección da diversidades, mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor e modernizar o sector.

O orzamento destas achegas para esta nova convocatoria é de 1.323.229,98 euros, e prevese unha ampliación presupostaria en base á repartición sectorial entre todas as comunidades autónomas que se vén de aprobar, de arredor de 100.000 euros máis.

No marco destas axudas, a orde contempla cinco liñas de intervención. Así, na primeira -orientada a servizos de asesoramento, asistencia técnica, formación, información e intercambio de mellores prácticas, en particular mediante actividades de colaboración en redes, para apicultores/as e organizacións de apicultores/as- será subvencionable a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia a persoas apicultoras, así como de persoal de administración. Tamén se poderá financiar tanto a organización de cursos e xornadas como a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación.

Na segunda liña, subvencionaranse Investimentos para loitar contra os invasores e as enfermidades das colmeas, en particular a varroose ou a vespa velutina; para previr os danos ocasionados por fenómenos climáticos adversos e fomentar o desenvolvemento e a utilización de prácticas de xestión adaptadas a unhas condicións climáticas cambiantes; para repoboar as colmeas mediante a cría de abellas ou para a racionalización da transhumancia.

Na terceira liña, sobre as actuacións para prestar axudas aos laboratorios na análise de produtos apícolas, a perda de abellas ou as caídas na produtividade, e de substancias potencialmente tóxicas para as abellas, financiarase a contratación de servizos de análise do mel e de produtos apícolas por apicultores/as e agrupacións de apicultores/as, a adquisición de equipos e outro material para análise ou a contratación de servizos de análise de abellas, os seus produtos e outras matrices das colmeas para detección de praguicidas.

Na cuarta liña, sobre promoción, comunicación e comercialización, incluídas accións e actividades de vixilancia do mercado destinadas, en particular, a sensibilizar aos consumidores sobre a calidade dos produtos apícolas, darase axuda para estudos de viabilidade económica e/ou de custos de produción das explotacións apícolas, estudos de mercado ou elaboración de proxectos piloto sobre novos produtos apícolas e/ou novas formas de presentación ou actividades de información e promoción do consumo do mel e produtos apícolas.

Por último, na quinta liña -relativa a actuacións para aumentar a calidade dos produtos- englóbanse accións de promoción, creación e mantemento, incluíndo, no seu caso, os gastos de certificación, de figuras e normas de calidade dos produtos apícolas por parte das agrupacións de apicultores/as ou o seguimento da cadea de calidade dos meles no mercado.

Poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas persoas titulares de explotación apícolas, incluídas tamén aquelas que sexan integrantes de explotacións de titularidade compartida, e as agrupacións de apicultores. Algúns dos requisitos para a obtención destas achegas é levar realizado actividade apícola con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano da presentación da solicitude, ser titular dunha explotación de máis de 15 colmeas a título individual ou 50 colmeas se solicitan axudas para realizar a transhumancia. Para o caso das agrupacións de apicultores, a solicitude deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG); é dicir, até o 8 de xuño.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *