Arranca o Xeodestino comarca de Lugo-Terras de Ulloa

Presentouse na feira Salimat - Semana Verde

Arranca o Xeodestino comarca de Lugo-Terras de Ulloa

Imaxe da afluencia de visitantes no stand do Xeodestino durante Salimat. / Fonte: GDR 4

O Salón de Alimentación do Atlántico -Salimat- no marco da Feira Internacional Semana Verde de Galicia foi a posta de largo do Xeodestino comarca de Lugo-Terras de Ulloa para a promoción turística dos Concellos que conforman este territorio. Nel están presentes os municipios Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade.

O GDR 4 Comarca de Lugo, como ente xestor, puxo un stand nunha feira que tivo máis de 120.000 visitantes dende o xoves ata o domingo, co lema promocional do Xeodestino “Gustus Terrae- O Sabor da Terra” por bandeira. Deste xeito, comeza unha andaina para valorizar a cultura gastronómica da zona, os seus produtos agroalimentarios, e así mesmo, asociarse a cultura Romana tan propia das cercanías da Cidade de Lugo, polo cal o lema ten a súa lóxica territorial.

Durante os catro días da Feira no stand do Xeodestino os visitantes puideron descubrir a importancia deste novo destino turístico con recursos de importancia como o Río Ulla, o seu importante patrimonio histórico e natural, e os camiños de Santiago. Ao mesmo tempo, puideron degustar en varias sesións diferentes produtos agroalimentarios tanto da Comarca de Lugo como das Terras da Ulloa, os pementos de Mougán de Guntín, o viño de Monterroso, os queixos de Friol e Palas, ou os embutidos de diferentes concellos pertencentes ao territorio, así como pan forneado nos diferentes concellos, ou os recoñecidos chocolates de Monterroso.

Dende o GDR 4 anunciaron que “esta será a primeira das actividades a desenvolver dentro dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, e a través do cal tamén realizarán un vídeo promocional que será presentado no mes de Setembro, uns cursos de sensibilización do sector acerca da existencia do Xeodestino e a elaboración de rutas turísticas en colaboración co coñecido guía Guido Álvarez”.

Festa de Interese Turístico Galego do Queixo de Friol e o Pan de Ousá

No marco da mesma Semana Verde pero no pavillón de Festur -Feira das festas de interese turístico- vinculado a Feira do Turismo Turexpo, o Xeodestino, en colaboración co Concello de Friol, presentou a Festa de Interese Turístico Galego do Queixo de Friol e o Pan de Ousá. Alí, centos de comensais degustaron estes dous produtos típicos do concello lucense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información