Agricultura avanza que a PAC pagará máis as primeiras hectáreas de cada produtor

Establecerase un pago redistributivo para as pequenas e medianas explotacións a partir dos fondos que se lle recorten ós grandes beneficiarios das axudas. O ministro felicítase polo acordo acadado en Europa para a reforma da Política Agraria Común

Agricultura avanza que a PAC pagará máis as primeiras hectáreas de cada produtor

As reaccións en España ó acordo sobre a reforma da PAC acadado en Bruxelas inciden nalgunhas novidades que se ven como positivas. O ministro de Agricultura, Luis Planas, subliña que a reforma correspóndese “exactamente” co que España pedira, incidindo en cuestións como o “aumento de apoios para pequenas e medianas explotacións, agricultores mozos e mulleres”.

Un dos cambios que Agricultura considera positivo é o establecemento dun pago redistributivo para as primeiras hectáreas de cada explotación, co que se quere beneficiar ós pequenos e medianos agricultores. Ese pago financiarase sobre todo a partir dos fondos que se lles recorten ós actuais grandes beneficiarios da PAC, pois prevese un tope por beneficiario de 100.000 euros.

Tamén se anuncian máis vantaxes para as persoas mozas que se incorporen, pois poderanse beneficiar dunha contribución de ata 100.000 euros para iniciar a súa actividade e terán maiores complementos nos pagos directos pola súa condición de agricultores mozos/as.

Estrutura dos pagos
A nova PAC, que entrará en vigor no 2023, configurarase a partir dunha axuda básica á renda (o actual pago básico), para a que as explotacións deberán cumprir cunha condicionalidade reforzada que inclúe o actual greening (pago verde). Outra parte dos pagos directos chegaralles ós produtores por medio dos chamados ecoesquemas, medidas complementarias a prol do clima e do medioambiente, pendentes de concretar e que representarán un mínimo do 20% dos pagos directos.

Durante os dous primeiros anos da nova PAC, ademais, haberá o que o ministro califica como un periodo de “aprendizaxe” dos ecoesquemas. Durante este periodo, os fondos que non se destinen a ecoesquemas poderán derivarse a outros pagos directos do primeiro piar, segundo o ministro, se ben a ministra alemá, Julia Klöckner, tamén declarou que os fondos que non se gasten en ecoesquemas poderían derivarse a medidas agroambientais do segundo piar.

En tanto non entra en vigor a nova PAC, os produtores continuarán percibindo as axudas no 2021 e no 2022 de acordo coas regras actuais, pero conforme ó novo presuposto, que terá validez no periodo 2021-2027. Queda por concretar se durante este periodo de transición de dous anos haberá fondos de Europa só para os pagos directos do primeiro piar ou tamén para axudas do segundo piar como as agroambientais e os pagos para Zonas con Limitacións Naturais, que en Galicia benefician principalmente ás ganderías de zona de montaña.

Plans Estratéxicos Nacionais
Tralo acordo do Consello de Ministros de Agricultura da UE sobre a nova PAC, agora comeza a fase de negociacións co Parlamento Europeo e coa Comisión Europea para publicar os regulamentos que guiarán a nova Política Agraria Común. Entre tanto, os Estados Membros continúan traballando nos seus Plans Estratéxicos Nacionais, nos que terán marxe de actuación para decidir cuestións como a de quen é agricultor xenuíno, é dicir, quen terá dereito a cobrar as axudas e quen non.

Espérase que España teña un primeiro borrador do seu Plan Estratéxico Nacional para a próxima primavera. O ministro avanza que, entre outras cuestións, ese Plan incluirá medidas de apoio específicas para as mulleres, así como para as persoas mozas (asignación de titores, programas de intercambio, formación, etc.).

Axudas acopladas
Outra novidade da nova PAC é que se autorizarán pagos vinculados á produción (pagos acoplados) para sectores produtivos sensibles. É o caso en España da aceituna de mesa e tamén se debatiu a posibilidade de axudas para o sector da froita e hortalizas, se ben polo de agora esa opción non se concretou. Desde Galicia, o conselleiro do Medio Rural, José González, reclamou que se hai pagos para aceituna de mesa, tamén se establezan pagos da PAC para a castaña.

Críticas do Sindicato Labrego
Pola súa banda, o Sindicato Labrego difundiu a súa postura cunha nota de prensa na que descalifica todo o sistema da PAC. Para esta organización agraria, sería precisa unha PAC que incluíse mecanismos de regulación de prezos e mercados, así como un sistema de axudas directas que establecese pagos por persoa activa, non por hectáreas nin por dereitos históricos.

O Sindicato Labrego lembra que os produtores galegos perciben un dos importes medios máis baixos por beneficiario da PAC: 2.590 euros por persoa fronte a 3.959 euros de media en España, unha cuestión que se asocia ó menor número de hectáreas das explotacións galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información