Actividades agrarias, gandeiras e forestais permitidas en zonas de Rede Natura

A Xunta remite aos concellos os criterios comúns sobre os usos permitidos nos terreos de actividade agropecuaria en zonas de Rede Natura 2000. A Consellería do Medio Rural lanzou de novo estas instrucións aos municipios destas zonas de protección para deixar claro cales son os usos permitidos nestes territorios

Actividades agrarias, gandeiras e forestais permitidas en zonas de Rede Natura

Gandería Fonlor, en Pedrafita do Cebreiro, en zona Rede Natura

A Xunta ven de enviar aos distintos concellos os criterios comúns sobre os usos permitidos nos terreos dedicados á actividade agropecuaria (agrícola, gandeira e forestal) en Zonas de Rede Natura 2000.

As consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ditaron unha serie de instrucións conxuntas co fin de aclarar a normativa de aplicación en canto aos usos permitidos na Rede Natura 2000 de Galicia, en relación cos terreos dedicados á actividade agropecuaria.

De acordo con estas indicacións, considéranse actividades permitidas aquelas de carácter tradicional que son compatibles coa protección do espazo natural porque non causan afección apreciable. Tamén todos aqueles non incluídos nos grupos de actividades prohibidas ou suxeitas a autorización nin recollidos na normativa específica contida no Plan director da Rede Natura 2000. Os usos permitidos non requiren autorización do órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza, sen prexuízo do resto de autorizacións sectoriais.

Actividades agrarias e forestais permitidas

De xeito resumido, a instrución conxunta recolle como usos permitidos a rexeneración e mantemento de terreos dedicados ao uso agrícola ou gandeiro, o aproveitamento das producións agrícolas e gandeiras e a aradura de terreos agrícolas ou gandeiros abandonados hai menos de 10 anos, ou despois de que rematase un procedemento de concentración.

Tamén estarán permitidos os tratamentos silvícolas en masas arboradas de eucaliptos e piñeiros cunha fracción de cabida cuberta superior ao 50% e o mantemento e mellora das infraestruturas preexistentes como pistas, camiños, faixas cortalumes, pasos canadienses, peches gandeiros e cinexéticos, puntos de auga e puntos de vixilancia contra incendios forestais.

Así mesmo, considérase permitido o mantemento das redes de faixas de control da biomasa e o mantemento e mellora de pasteiros preexistentes e as rozas manuais ou mecanizadas nos queirogais secos, sempre que non supoñan a destrución do hábitat.

Reforestacións e demais usos forestais

Con respecto ás reforestacións, constitúen unha actuación permitida se existe planificación, é dicir, cando estean recollidas nos correspondentes proxectos de ordenación, documentos simples de xestión ou documentos compartidos de xestión. En todo caso, respectaranse as prohibicións e autorizacións contempladas sobre o particular na Lei de Montes de Galicia.

En termos semellantes, serán usos permitidos a realización de aproveitamentos madeireiros e leñosos en parcelas arboradas de eucalipto e/ou piñeiro (sempre que exista planificación) e a realización doutros aproveitamentos forestais non madeireiros, levados a cabo consonte coa Lei de Montes e a súa normativa de desenvolvemento. Inclúense actividades como o aproveitamento de pastos, a caza (sometida a autorización e regulación sectorial específica) e os aproveitamentos micolóxicos ou de plantas aromáticas e froitos, agás cando afecten a especies de interese para a conservación (neste caso requirirán unha autorización).

Descarga aquí o documento completo sobre os usos permitidos nos terreos dedicados á actividade agropecuaria en Zonas de Rede Natura 2000.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información