Logo de que se presentara no Consello da Xunta deste xoves, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde da Consellería do Medio Rural pola que se regularán os procedementos de tramitación electrónica para o recoñecemento das agrupacións forestais de xestión conxunta e das persoas silvicultoras activas. A previsión que manexa a Xunta é de acadar as 100 agrupacións e os 25.000 silvicultores activos ata o 2025.
As agrupacións de xestión conxunta e as persoas silvicultoras activas atópanse recollidas no eixe II do Plan Forestal, relativo á xestión dos montes e á loita contra o abandono. As agrupacións tamén están incluídas na Lei de recuperación da terra agraria, como figura para poñer en valor as parcelas abandonadas ou infrautilizadas.
Os procedementos voluntarios de rexistro que se estrean hoxe estarán abertos permanentemente. Como se indica na orde, as solicitudes dirixiranse ao órgano forestal, ao Servizo de Montes da xefatura territorial correspondente.
No caso das agrupación forestais de xestión conxunta poderán inscribirse as sociedades de fomento forestal (Sofor), as asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, as sociedades civís e comunidades de bens, as cooperativas e outras entidades de economía social, as sociedades agrarias de transformación (SAT), as sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital, así como calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.
Mentres, poderán solicitar o recoñecemento como silvicultores activos as persoas ou entidades, con ou sen personalidade xurídica, xa sexan propietarias, titulares ou xestoras dos aproveitamentos e servizos ecosistémicos de unidades de xestión forestal que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal e que dispoñan dun certificado de xestión forestal sustentable emitido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente.
Como destacan dende Medio Rural, estas dúas figuras buscan incidir na mellora da xestión das arredor de 8 millóns de parcelas catastrais rústicas forestais que hai en Galicia. Así as cousas, as iniciativas de xestión conxunta promoverán a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. Mentres, o novo estatus que se establece de silvicultor activo tamén contribuirá a estes fins, mediante o impulso de terreos baixo instrumentos de ordenación e de xestión, e adheridos a sistemas de certificación forestal sustentable.