Acción contra el Hambre inicia un programa para emprego e emprendemento no rural galego

Trátase do programa “Comunidades de emprego e emprendemento rural sostible”

Acción contra el Hambre inicia un programa para emprego e emprendemento no rural galego

Acción contra el Hambre pon en marcha o programa “Comunidades de emprego e emprendemento rural sostible” co obxectivo de xerar emprego e iniciativas emprendedoras en zonas rurais para persoas en desemprego.

Este programa, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e Fundación MAPFRE, no marco do Programa estatal de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza, será gratuíto e conta coa colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude, Espazo Xove de Lalín e Consellería de Cultura, Educación da Xunta de Galicia e a Universidade – CFR de Monforte, xunto con Concellos de Carballedo, Taboada e O Saviñao.

A taxa de paro en Galicia sitúase en torno ao 9,2%, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. A porcentaxe elévase a máis do 20% cando nos fixamos na poboación nova. No 6% dos fogares galegos, todos os membros están en paro. Esta situación afecta especialmente ás poboacións rurais galegas, que se enfrontan a retos importantes á hora de encontrar emprego ou lanzar os seus propios proxectos.

Ante esta realidade, potenciar a inserción no mercado laboral e o emprendemento é de vital importancia. Acción contra el Hambre, que leva traballando en Galicia desde 2015 para contribuír á mellora da seguridade alimentaria da súa poboación, lanza agora o programa gratuíto “Comunidades de emprego e emprendemento rural sostible”. A iniciativa está destinada a persoas en desemprego de zonas rurais de Galicia e atenderá a máis de 100 persoas en desemprego nas comarcas de Deza, Chantada e Terra de Lemos.

Susana Quintas, xestora de Acción Social da entidade na rexión, explica que “este proxecto quere potenciar os sectores emerxentes por mor da transición ecolóxica. Tamén queremos contribuír ao desenvolvemento socioeconómico e a dinamización de emprego e emprendemento en zonas rurais galegas. A participación das comunidades sociais e os axentes clave do territorio é fundamental”. Engade: “O obxectivo é unir todo o coñecemento da zona e poder así apoiar ás persoas que viven e queren poder traballar nas rexións rurais, xerando así arraigamento e freando o éxodo ás cidades”.

Ademais dos itinerarios do programa enfocados a potenciar a empregabilidade, este proxecto tamén contará con xornadas sociais. Estes encontros darán a coñecer todas as oportunidades que o medio rural ofrece e ofrecerá un espazo para a creación e reforzo de alianzas para a creación de Comunidades de Emprego e Emprendemento Rural Sostible. Os días 20 e 21 de marzo dese ano celebraranse as primeiras xornadas Potencialidade e Emprego nas comarcas de Chantada e Terra de Lemos, en Escairón (O Saviñao), e na Comarca do Deza, en Lalín.

Este programa, cofinanciado polo FSE+ e Fundación MAPFRE no marco da convocatoria +Rural, conta coa colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude, Espazo Xove de Lalín e Consellería de Cultura, Educación da Xunta de Galicia e a Universidade – CFR de Monforte, xunto con Concellos de Carballedo, Taboada e O Saviñao.

Comunidades de aprendizaxe para xerar coñecemento

O programa de Acción contra a fame apoiará a creación de grupos de aprendizaxe para xerar coñecemento. O intercambio de coñecementos, ideas, recursos e experiencias nestas zonas rurais por diferentes axentes, públicos e privados, cidadanía, empresas, persoas en desemprego e persoas con intención emprendedora será o punto de partida para deseñar plans de acción adaptados ás necesidades do territorio e das persoas que desexan vivir e traballar alí. O plan de acción deseñado marcará as propostas formativas, asesoramento e orientación á inserción persoal de cada participante, así como o acompañamento a iniciativas emprendedoras colectivas que poidan xurdir como, por exemplo, a de mozas e mulleres que non desexen abandonar os pobos para desenvolverse profesionalmente, a de persoas en desemprego que non atopan emprego e que queren seguir residindo en zonas rurais, ou a creación de empresas, entre outras.

Daranse a coñecer as oportunidades que crean os sectores emerxentes vinculados á sustentabilidade, como a agricultura e gandería regenerativa, a cadea de alimentación agroecológica, as comunidades enerxéticas, agroturismo e turismo sostible, as posibilidades do sector tecnolóxico, así como a economía social como vertebradora das comunidades.

Este acompañamento leva asociado a posibilidade de acceder a financiamento para a posta en marcha dun proxecto en caso de ser necesario, estudando a súa viabilidade tanto técnica como financeira.

Este programa levarase adiante durante 2024 e 2025 e espérase atender a 180 persoas de Galicia en situación de desemprego para que melloren as súas competencias e coñecementos, a súa implicación co desenvolvemento do territorio e a súa motivación polo emprendemento con impacto social. As persoas en desemprego que queiran inscribirse neste programa poden facelo a través de www.comunidadesruralesostenibles.org.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información