A Xunta mobilizará 10 millóns para mellorar a liquidez do sector lácteo

A liña de apoios, promovida polas consellerías de Economía, Emprego e Industria e Medio Rural, bonificará os custos financeiros e fará fronte ás garantías requiridas polas entidades bancarias.

A Xunta mobilizará 10 millóns para mellorar a liquidez do sector lácteo

O Consello da Xunta aprobou hoxe unha nova liña de apoios, promovida polas consellerías de Economía, Emprego e Industria e Medio Rural, que mobilizará ata 10 millóns de euros e que está orientada á mellora da liquidez das explotacións gandeiras galegas.

Para acadar este obxectivo, a liña contribúe a bonificar os custos financeiros e facer fronte ás garantías requiridas polas entidades bancarias ás empresas do sector. Neste contexto os apoios diríxense, dun lado, a rebaixar os xuros daqueles préstamos concedidos para o refinanciamento de pasivos e, doutro, a diminuír estes custos nos créditos relativos ao acceso a circulante.

Límites das axudas

Deste xeito, a Xunta calcula que o programa permitirá reducir a custo cero o tipo de xuro dos préstamos outorgados polas entidades bancarias nestes dous campos –refinanciamento de pasivo e circulante-, sempre que os xuros anuais xerados polo crédito non superen os 15.000 euros. Segundo a Xunta, este límite vén determinado pola normativa actual, que establece nesta cifra a contía máxima de axuda que se pode obter para cubrir os gastos financeiros e as comisións de avais.

No caso de superarse esta cifra, recalcularase a bonificación establecendo un novo tipo de xuro. As contías dos préstamos deberán oscilar entre os 3.000 e os 200.000 euros, con prazos de entre 5 e 7 anos para o refinanciamento de pasivos, e de entre 3 e 7 anos para o circulante. No caso de compatibilizar as dúas opcións, o importe máximo será de 300.000 euros.

En ambos os casos, o Igape subvencionará os gastos financeiros das operacións que concedan os bancos e as comisións de aval das sociedades de garantía recíproca, e reavalará ás propias SGR o 25% do risco. A medida encádrase nas liñas de apoio financeiro á industria láctea que promove o Goberno galego co obxectivo de xerar investimentos por 40 millóns de euros facilitando os investimentos industriais e o acceso ao circulante.

De momento non se concretou cando se publicará no Diario Oficial de Galicia esta liña de apoios e os prazos da convocatoria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información