Poñer en valor un produto, o pemento de Herbón, cunha longa e rica historia de cultivo nesta parroquia de Padrón, e conseguir que o consumidor o diferencie fronte a outros que se venden como “Pimiento del Padrón/ Pimientos Variedad Padrón. Origen: Marruecos”.
Esta é a filosofía coa que naceu a SAT A Pementeira no ano 2006, unha empresa que xorde do propio sector produtor, ou máis ben produtoras, porque 22 de 23 das súas socias son mulleres labregas da parroquia de Herbón e dos seus arredores que xeración tras xeración cultivan pementos en pequenas parcelas para a súa venda e practicando unha agricultura sostible.
Milagros González Refojo, pementeira e nora de pementeira, e presidenta da SAT explica orgullosa como dende o ano 2008, cando venderon as súas primeiras bolsas “o mercado acolleunos moi ben”. “O ano pasado comercializamos máis de 63.000 kilos, todos baixo a Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón, e medramos arredor dun 10% anual”, explica.
Dentro dunhas semanas, cando as plantas empecen a súa fase de plena produción, as bolsas de SAT A Pementeira empezaranse a comercializar en grandes superficies como Gadis, Froiz, Eroski, El Corte Inglés ou Carrefour. E tamén por internet, unha vía de comercialización dende a que A Pementeira recibe pedidos dende Londres ou Suíza.
O seu obxectivo a medio prazo é vender o 100% da súa produción a través da Pementeira.
“A clave para evitar os enganos é mercar pemento con etiqueta da Denominación de Orixe”
Para lograr ese obxectivo dende A Pementeira insisten na necesidade de informar ao consumidor para evitar enganos con pemento de Padrón que se vende como galego pero que en realidade é foráneo.
Óscar Antón Pérez García, técnico da SAT, explica que “o prezo de venda do auténtico pemento galego é algo máis elevado porque producimos un produto de elevadísima calidade, cuns controis estritos da Denominación de Orixe, da Xunta de Galicia e de Galicia Calidade e isto fai que os custos de produción sexan máis caros”.
Sen embargo, as situacións de engano ao consumidor no mercado son frecuentes. “Mesmo algún comercial recoñeceunos que o 90% do pemento de Padrón que vende é de fora de Galicia, o que supón unha competencia desleal e tira cos prezos”, advirte.
Para evitar estas situacións fraudulentas a vicepresidenta da DOP Pemento de Herbón, Milagros Piñeiro Freire, recomenda o que ela define como os dous mandamentos: “Señor consumidor lea a etiqueta por favor, que poña Pemento de Herbón e o selo da Denominación e non se deixen enganar, e señor da hostalería non engane ao cliente, e non venda como pemento de Padrón o que non é”.
Novo proxecto: identificar xenéticamente ao Pemento de Herbón
Nesta liña de diferenciar no mercado o seu produto, a DOP Pemento de Herbón está traballando en colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo nun proxecto de determinación xenética do pemento de Herbón.
“Sen renunciar á tradición, o que queremos é identificar xenéticamente a planta para poder diferenciala da que se vende como tipo Padrón nos viveiros, co obxectivo de ter un patrón do Pemento de Herbón e poñer en valor esta variedade”, explica Óscar Antón Pérez.
E é que unha característica diferenciadora do Pemento de Herbón é que “dende hai séculos, cada casa labrega da parroquia é a dona e custodia da planta e fai unha selección das súas mellores plantas para replantalas ao ano seguinte”.
Isto leva a que o pemento sexa visualmente diferente dunhas explotacións a outras: “uns teñen folla máis estreita, outros máis ancha, de folla lanceolada ou redondeada; na cruz tamén hai diferencias: uns teñen a cruz de tallo moi abaixo e outras a 40 centímetros; uns acadan os 2 metros de altura e outros só 1,20”, explica o técnico de A Pementeira.
“Son variacións dentro da variedade Pemento de Herbón, e o que se fai é que a cada produtor extráeselle o código xenético da súa planta e compárase coas dos outros produtores para establecer as características comúns”, explica.
O agrupamento das parcelas, un reto para o futuro
Xunto á diferenciación do produto, a outra estratexia de futuro pola que apostan as socias de A Pementeira é a mellora da estrutura produtiva.
E é que un dos limitantes é o pequeno tamaño das parcelas de cultivo, a súa dispersión e a competencia con outros usos da superficie agrícola, como o urbanístico ou o forestal.
“O problema -explica a presidenta da SAT- é conseguir que che deixan a terra os propietarios e logo reorganizar a estrutura territorial para reducir custos de produción, porque na situación actual hai que gastar en varios invernadoiros en parcelas distantes, e con cadanseu sistema de rego, cadanseu pozo…etc.”
Unha situación que exemplifica a vicepresidenta da DO Pemento de Herbón, Milagros Piñeiro: “teño unha finca con invernadoiros para o cultivo do pemento,e unha veciña plantoume ao lado cerdeiras de madeira na súa leira. Agora, asombroume o invernadoiro e as súas raíces esténdense á miña propiedade”.
Para isto, o técnico da SAT, insiste na necesidade de “poñer en práctica un plan de agrupamentos de terreos de aquí a 15-20 anos para reducir custos de produción e, sobre todo, facer máis atractivo o cultivo de pemento para as novas xeracións, facéndolles o traballo máis doado”.
Seguirán transmitíndose as sementes de Pemento de Herbón de xeración en xeración? Todo depende de que o consumidor aposte polo auténtico pemento 100% galego.