A ministra asegura que o 83% das explotacións lácteas beneficiadas polas axudas de mínimis serán galegas

A ministra asegura que o 83% das explotacións lácteas beneficiadas polas axudas de mínimis serán galegas

Isabel García Tejerina

A ministra de Agricultura, Alimentación e Medioambiente, Isabel García Tejerina, asegurou hoxe que o 83% dos beneficiarios das axudas de minimis ás explotacións lácteas en dificultades serán galegos “e recibirán máis PAC”.

Tejerina respondía esta mañá no Congreso dos Deputados a unha pregunta da deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, sobre o método elixido para a concesión de axudas ao sector lácteo, unha fórmula que a parlamentaria considerou “discriminatoria ao deixar fóra a boa parte dos produtores galegos”.

Na súa resposta, a ministra non explicou os criterios estabelecidos, nin aclarou o umbral de prezos para poder acceder ás axudas, pero si asegurou que da partida “todas as explotacións do estado recibirán axudas, sobre todo as que máis o precisen” e que o criterio é que non pechen explotacións.

Tejerina replicou a Davila que “todo o que dixo sobre os cálculos das axudas é absolutamente falso”. Sinalou que “hai un único umbral para todos os gandeiros” pero non dixo cal era. Dixo que “o 83% dos beneficiarios serán galegos (…) e recibirán máis PAC” e indicou que “non deixará a ninguén fóra do apoio”.

En canto ao montante das axudas, a titular de Agricultura deu dados xa anunciados: que se habilitarán 45 millóns adicionais, 20,5 de fondos comunitarios e 20 do orzamento do estado. Unhas partidas, dixo, que “se sumarán aos 250 que recibirán da PAC”.

“Un acordo voluntario non pode ter sancións”

Por outra parte, a ministra defendeu o Acordo acadado, e atacou á deputada do BNG por  “defender cousas inviábeis”, en relación á demanda de que haxa un prezo de referencia obrigatorio e con sancións para que se cumpra. Na súa resposta a Ministra deixou claro que está en contra dun réxime de sancións no caso de que non se cumpran os prezos, e apelou “á legalidade existente” para defender o carácter voluntario da referencia de prezos. Nese sentido, sostivo que “un Acordo voluntario non pode ter un réxime de sancións”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información