O Executivo da Deputación aprobou este venres na Xunta de Goberno as bases do “Plan de Mellora de Infraestruturas e Equipamentos no Medio Rural”. Así o comunicou o voceiro, Álvaro Santos Ramos, que explicou que esta programación está dotada de 1,5 millóns de euros e inclúe subvencións en concorrencia competitiva para veciños do rural en xeral, asociacións veciñais sen ánimo de lucro e comunidades de montes dos 67 Concellos da provincia. Todos eles poderán concorrer a tres liñas de actuación:
1.- Axudas dun máximo de 30.000 euros para a construción de novas traídas de auga, e de 10.000 euros para melloras nas existentes.
2.- Axudas de 12.000 euros para arranxos de accesos públicos a núcleos rurais, explotacións gandeiras ou fincas forestais, agrarias ou de viñas.
3.- Axudas de 12.000 euros para melloras de centros socioculturais e do seu contorno.
As bases inclúen dúas novidades: un anticipo do 95% da axuda, que poderán solicitar os colectivos que resultes beneficiados; e novos criterios obxectivos “para un reparto o máis xusto posible”. Estes son: grao de necesidade, sostenibilidade, usuarios beneficiados, usuarios do sector primario e despoboamento.
Aprobado este venres o programa, agora remítese ao Goberno Central para súa publicación na Base Nacional de Subvencións. Logo publicarase no BOP, podendo entón, previsiblemente en setembro, abrir o prazo de solicitude. Este será de 20 día hábiles.
“Defensa da vida no rural e do rural”
Santos Ramos salientou que este plan “defende a vida no rural e do rural, pois busca potenciar o benestar dos veciños e o sector primario coa dotación ou mellora de prestacións públicas imprescindibles. É unha iniciativa que reivindica a igualdade de servizos e oportunidades vivas onde vivas, e que trata de combater o despoboamento demográfico que sofre o rural lugués”.