A conselleira salienta que Xenética Fontao xa exporta a países líderes en raza Frisona

A conselleira salienta que Xenética Fontao xa exporta a países líderes en raza Frisona

Jesús Vázquez, director de Xenética Fontao, coa conselleira do Medio Rural

A empresa pública Xenética Fontao, adscrita á Consellería do Medio Rural, exporta seme aos países máis desenvolvidos en xenética de raza Frisona como Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia, Holanda, Australia, Suíza, Suecia ou Finlandia.

Ademais, outros mercados nos que tamén se comercializan doses de Frisona e Rubia Galega son Turquía e Latinoamérica, principalmente Brasil e México. Tamén exporta a países como Irán ou Arabia Saudí e estanse a explorar outros mercados en estados que teñen manifestado interese polo produto (Indonesia, Marrocos, Mali ou Angola). En todo caso, o seu ámbito prioritario e fundamental de actuación é Galicia e, a continuación, o resto de España.

Esta proxección internacional de Xenética Fontao foi destacada hoxe pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa visita ás instalacións desta empresa pública, situada no lugar de Fontao, en Lugo.

Ángeles Vázquez sinalou que o labor desta empresa permite incrementar o potencial xenético dos animais da cabana bovina e alcanzar unha mellora notable da produtividade, así como establecer as bases dunha produción xenética propia fronte ás importacións sistemáticas de material xenético doutras épocas.

Tamén fai posible dispor dun número crecente de touros probados nas condicións ambientais de Galicia e propicia un importante aforro de custos para o sector, ao dispor o gandeiro galego dunha xenética punteira a nivel mundial a uns prezos moi competitivos.

A conselleira tamén indicou que Xenética Fontao favorece a incorporación das biotecnoloxías moleculares e reprodutivas existentes nos países máis desenvolvidos para situar a nosa gandaría ao máximo nivel mundial.

Financiamento conxunto

Xenética Fontao é unha empresa pública creada en 1998 e que ten financiamento conxunto entre a Xunta –por medio do FOGGA (Fondo Galego de Garantía Agraria)– e as asociacións de gandeiros FEFRIGA (Federación Frisona Galega) e ACRUGA (Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto da Raza Rubia Galega). O seu principal obxectivo é contribuír a que a cabana bovina galega acade altos niveis de produción, tanto de leite como de carne, e uns elevados índices de calidade, compatibles cun nivel de renda óptima para o gandeiro.

O número actual de sementais bovinos do centro é de 370 touros, dos cales uns 35 son de aptitude cárnica (principalmente da raza Rubia Galega) e os 335 restantes de raza Frisona (aptitude láctea).

Xenética Fontao xestiona o centro de inseminación artificial bovina máis grande de España. Dende 1998 (ano de constitución da empresa) ata 2015 puxéronse en proba de proxenie 1.119 touros de raza Frisona das mellores familias xenéticas do mundo.

Na actualidade este centro domina amplamente o listado español de mellores sementais de raza Frisona, como se reflicte na última valoración xenética nacional de CONAFE de novembro de 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información