O caso das instalacións da industria láctea Clea en Rábade está sobre a mesa da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. A Axencia confirma que recibiu as denuncias urbanísticas que hai contra a planta e sinala que está a estudalas, como no resto de casos, para valorar se procede ou non a incoación dun expediente de reposición da legalidade urbanística.
As denuncias que pesan sobre a industria levaron a que en setembro pasado o Concello de Rábade emitise un decreto polo que ordenaba a “inmediata paralización da actividade” de Clea. O goberno local precisaba daquela que a instalación non contaba coa “preceptiva licenza de actividade e/ou de obras”, polo que acordaba tamén trasladar o expediente do caso á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
A situación urbanística da planta enguedéllase máis pola recente anulación do Plan Xeral de Rábade, un panorama que xera incertidume. Desde Clea sinalaron semanas atrás que confían en consolidar a situación urbanística da planta e lembran tamén o destacado papel que xoga a industria no procesado de leite, cun movemento de arredor de 700.000 litros diarios.