Galicia importa a metade do leite líquido que entra en España

As importacións estatais de produtos lácteos caen un 11 por cento e sitúanse no nivel máis baixo da última década. As exportacións continúan na mesma liña de anos anteriores

Galicia importa a metade do leite líquido que entra en España

A certificación Galega 100% garante a orixe galega do produto.

O compromiso adquirido por supermercados e industrias para identificar a orixe dos productos lácteos que comercializan cobra especial relevancia á vista das estatísticas de comercio exterior do sector. As industrias transformadoras de Galicia importan máis da metade do leite líquido que entra en España. Nos primeiros dez meses do 2015, entraron na comunidade 145.000 toneladas de leite líquido -do total estatal de 287.000-, a maioría en cisternas procedentes de Portugal.

As importacións de leite líquido nun ciclo de excedentes lácteos preocupan ós gandeiros galegos, que están a ver como parte da súa producción se dirixe a leite en po e se paga, por tanto, a menores prezos, en tanto entran sistematicamente cisternas do país veciño. Cada ano impórtase na comunidade un volume de leite líquido equivalente a un mes de producción das 9.000 granxas galegas.

Ante esa situación, o sector quere que se aclare o antes posible que produtos lácteos están elaborados con leite galego e cales con leite foráneo, de xeito que o consumidor, coas súas decisións de compra, teña a posibilidade de apoiar ás explotacións da comunidade. A maiores, as organizacións agrarias valoran de xeito positivo os compromisos asumidos por parte das cadeas de distribución para utilizar só leite galego nas súas marcas brancas e nas súas liñas de queixos, como foi o caso de Vegalsa-Eroski.

Evolución das importacións
O dato positivo no comercio exterior de lácteos está na caída das importacións nun 11 por cento nos dez primeiros meses do 2015, segundo as estatísticas ministeriais. Entre xaneiro e outubro, España adquiriu 800.000 toneladas de produtos lácteos, 100.000 menos que no mesmo periodo do ano anterior.

Por produtos, a entrada de leite líquido foi de 287.000 toneladas, un 20% menos que no 2014 -se ben en Galicia só baixou un 6%-; os leites concentrados representaron 73.000 toneladas; lactosueros e suero de manteiga 211.000 toneladas; 19.000 de manteiga e 209.000 toneladas de queixos. O groso da reducción experimentouse na entrada de leite líquido, en tanto en produtos transformados, como os queixos, a penas houbo variacións.

As cifras semellan apuntar a que o aumento de producción rexistrado en España no 2015, superior ó 2 por cento, reduciu as necesidades de leite líquido dos países veciños, se ben as industrias españolas non gañaron cota de mercado nos produtos transformados.

Exportacións
En canto ás exportacións, mantéñense na mesma liña dos últimos anos. España exportou 417.000 toneladas nos primeiros dez meses do 2015. Na evolución das exportacións do último lustro, destaca o progresivo aumento das vendas ó exterior de queixos, que representaron no último exercicio 68.000 toneladas, polas 39.000 do 2011. En Galicia, as vendas ó exterior de queixos tamén van a máis, se ben en volumes pequenos. A comunidade exportou nos primeiros dez meses do 2015 unhas 900 toneladas de queixos, polas pouco máis de 200 que movía no 2011.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información