Os prezos do leite no campo continuaron subindo en xaneiro en toda España e e en Galicia, se ben é certo que a menor ritmo que nos meses anteriores, nun contexto de menor produción. Así se recolle no informe do Ministerio de Agricultura de entregas do sector lácteo.
En canto aos prezos a media en España foi de 0,599 euros o litro, cunha lixeira suba con respecto aos 0,597 de decembro. En Galicia a media foi de 0,588 euros o litro, cunha lixeira suba respeto ao mes anterior (0,586).
O dato máis salientable é a caída da produción interanual: No conxunto de España as entregas ascenderon a 621538 toneladas, un 1,43 % menos que no mesmo mes do ano pasado (630629). En Galicia a caida interanual da produción foi do 1,58%, con 251728 toneladas de leite entregadas en xaneiro fronte ás 255658 do mesmo mes de 2022.
Haberá que ver se esta baixada da produción continúa nos vindeiros meses e como inflúe no prezo do leite en orixe e na importacións de leite doutros países.
En canto ás calidades do leite en xaneiro foron dunha media en España de 3,91 de graxa e de 3,42 en proteína. Galicia continúa líder, xunto con Asturias, en sólidos do leite un mes máis a nivel estatal, cun 3,98 de graxa e cun 3,42 de proteína.
En leite ecolóxico, as cotizacións medias no campo foron en xaneiro de 0,66 euros o litro, en tanto en Galicia foron de 0,53.