Unha delegación turca visita AGACA para coñecer a súa experiencia en formación integral

Unha delegación turca visita AGACA para coñecer a súa experiencia en formación integral

No marco do proxecto “Women Empowerment in Agricultural Cooperatives” (Apoderamento de Mulleres en Cooperativas Agrícolas), no que participa a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) xunto con catro entidades europeas (tres turcas e unha italiana), unha delegación procedente de Turquía integrada por seis profesionais da formación de persoas adultas achegouse este luns ata AGAGA, en Santiago de Compostela, co fin de coñecer mellor as características dos cursos e programas que vimos impartindo dende a Asociación enfocados a mellorar a calidade da formación no ámbito das mulleres agricultoras das cooperativas agroalimentarias.

Ademais das xornadas teóricas na propia sede de AGACA, o martes e mércores desprazaranse, xunto con técnicos e representantes da Asociación ata as cooperativas Clun e Horsal (leite e horta) e Pazo Baión, propiedade da cooperativa Condes de Albarei para coñecer máis de preto o contorno cooperativo galego.

O proxecto comezou en 2022, estenderase ata o 2024 e traballa no desenvolvemento de metodoloxías formativas innovadoras para as cooperativas agroalimentarias, de módulos orientados a mulleres do sector e dunha plataforma dixital de formación (e-learning).

As demais entidades que integran este proxecto, cofinanciado co programa Erasmus+, son catro. Por parte de Turquía participan o Concello de Silivri (distrito da provincia de Estambul), a Universidade Tekirdağ Namık Kemal e a Asociación SYGD (Asociación de Vida Sostible e Futuro Verde), entidade enfocada ao apoderamento de grupos sociais desfavorecidos, mulleres, inmigrantes e refuxiados, principalmente mozos e mozas. Por Italia (rexión de Bari) participa a asociación sen ánimo de lucro Legacoop Puglia, orientada á promoción e defensa do cooperativismo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información