A Guía de Viños, Destilados e Augardentes de Galicia 2021 foi presentada esta mañá na sede do Consello Regulador do D.O. Valdeorras por Alejandro Paadín, membro do equipo que elabora a publicación.
No acto, que contou coa presenza do presidente do Consello Regulador, José Luís García Pando, púxose en valor que este ano a Guía distingue con “Gran Ouro”, o máximo recoñecemento da publicación, un total de 21 referencias valdeorresas. Co selo de “Ouro” cualifícanse 80 viños e co de “Prata” un total de de 40.
Tal e como destacou Alejandro Paadín no acto, “este foi o ano que máis viños de Valdeorras se catraon de cara a elaborar a Guía”. Segundo sinalou tamén “os grandes ouros outorgados mostran a gran diversidade dos viños da comarca e as mellores puntuacións foron recibidas por referencias moi ben estruturadas e intensas, pero tamén por outras elaboradas a partir de variedades máis delicadas e suaves”.
Neste sentido, destacou especialmente os “viños de parcela” como singulares do territorio amparado.
Un referente divulgativo
Pola súa banda, José Luís García Pando agradeceu ao equipo que fai posible a publicación que non detivese o seu traballo “a pesar das dificultades derivadas da pandemia, nun ano tan complicado para o sector”. Ao tempo, puxo en valor que cada vez máis referencias valdeorresas son distinguidas nunha Guía “que xa é todo un referente de divulgación enolóxica en Galicia”.
A Guía de 2021 de Paadín editou 21.000 exemplares e consta de 480 páxinas a todo cor. Exenta de publicidade, para a súa elaboración catáronse máis de 1.500 referencias de viños e destilados galegos procedentes de 500 adegas emprazadas en todos os territorios amparados galegos.
A publicación non soamente contén fichas de produto, senón tamén mapas climáticos e pluviométricos do últimos catro anos de cada denominación de orixe.
Distincións Gran Ouro
As referencias (e adegas) distinguidas coa Medalla Gran Ouro na presente edición da Guía de Viños, Destilados e Augardentes de Galicia son as seguintes: