A alerta sanitaria lanzada pola Agencia Española de Seguridad Alimentaria (Aesan) contra os produtos de Casa Macán é considerada fóra de lugar polo xerente da empresa, Eladio Rigueira. “Non se pode facer iso porque non houbo ningún problema con ningún queixo nin produto de Casa Macán. É certo que cometemos un erro no etiquetado, pero está solventado e este mesmo xoves retomaremos a actividade na factoría”, asegura.
A orixe do incidente produciuse a pasada semana, cando Casa Macán sacou ó mercado uns lotes de queixos de Arzúa Ulloa e de Tetilla sen as correspondentes contraetiquetas dos consellos reguladores. Detectado o erro, a propia empresa comunicoulle a situación á Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). “Cometemos un erro e esa parte témola que asumir, pero desde a nosa perspectiva non había motivo para suspender a actividade na planta”, cuestiona Eladio Rigueira.
“Cometemos un erro e témolo que asumir, pero non había motivo para lanzar unha alerta sanitaria contra os nosos produtos” (Eladio Rigueira)
A suspensión cautelar da produción na factoría de Taboada (Lugo) iniciouse o pasado luns, logo dunha inspección de Saúde Pública na que se detectaron “incumprimentos graves”, segundo indica a Consellería de Sanidade. “Esta evidentemente non é a primeira inspección de Sanidade que temos. Xa houbera outras e estabamos en diálogo con eles para solucionar pequenas deficiencias, pero a raíz do erro de etiquetado tomaron a decisión drástica de suspendernos a actividade”, explica o xerente de Casa Macán.
A empresa entende a paralización cautelar da súa actividade, pero discrepa da alerta sanitaria que obrigou a retirar os seus produtos dos puntos de venda, unha cuestión que acadou gran repercusión nos medios de comunicación e que considera que lle provoca un gran dano de imaxe.
Sanidade, preguntada polas deficiencias atopadas na empresa, cita as seguintes: “graves incumprimentos nas condicións estruturais, de limpeza e mantemento, operacionais ou de hixiene dos procesos (incumprimentos no almacenamento de materias primas e ingredientes de forma que non se pode garantir a inocuidade dos mesmos, temperaturas inadecuadas en distintas fases da producción, ausencia de protección dos produtos de focos de contaminación e ausencia de garantías de trazabilidade do proceso).
Desde Casa Macán sinalan que as principais cuestións de trazabilidade e operativa xa están solventadas e abordadas con Sanidade, polo que proxectan retomar a actividade este mesmo xoves. “Retomaremos a actividade mañá, hai un acordo con Sanidade nesa liña, e a cadea de produción volverá a traballar entre venres e luns”, sinala Eladio Rigueira, que envía unha mensaxe de tranquilidade a proveedores e consumidores.
Recurso de Macán no caso de Central Lechera Asturiana
Este é o segundo revés serio que experimenta a empresa de Taboada (Lugo) este ano, pois o 2020 comezou coa decisión do xulgado mercantil de Lugo de rexeitar a reclamación de 6,7 millóns de euros de Casa Macán contra Capsa (Central Lechera Asturiana). A firma de Taboada reclamáballe esa cantidade a Capsa en concepto de danos e lucro cesante, tras a rotura dun acordo comercial entre as partes.
Macán pechara no 2016 un acordo para traballar en exclusiva para Capsa, pero finalmente a empresa asturiana decidiu desvincularse da galega de xeito unilateral. O xulgado mercantil de Lugo interpretou que entre as partes só existía un contrato marco, pero non de execución, polo que exonerou a Capsa de responsabilidades.
Macán presentou o pasado venres un recurso contra esa decisión na Audiencia Provincial de Lugo.
—
Nota: Información modificada a petición de Casa Macán, que quixo rectificar unha declaración feita inicialmente.