A empresa lucense Coporcel participou a pasada semana no Salón de Alimentación do Atlántico, celebrado en Silleda, no que avanzou acordos de comercialización a nivel internacional con firmas europeas de países como Italia, Alemaña e Escocia e tamén latinoamericanas, en México, Colombia ou Brasil.
A firma, centrada na produción e comercialización de porco celta, mantivo contactos ademais con profesionais de Xapón, China ou Taiwán.
Coporcel constituíuse no ano 2010 como unha empresa dedicada integramente á produción e comercialización do porco celta, aínda que non foi ata finais do ano 2014 cando se formalizou a entrada no conxunto de accionistas dos actuais socios. Tras varios meses de traballo, a empresa arranca agora coa súa estratexia comercial, dirixida, de xeito especial, á restauración e o mercado gastrónoma.
Conta coa maior cabana de Porco Celta
A empresa comercializa animais de porco celta tanto en vivo como a través dos seus derivados co despezamento e elaboración de produtos tras o sacrificio en matadoiros autorizados. Actualmente,Coporcel é a empresa española que conta con maior número de reproductoras nas súas granxas integradas e asociadas, ata 200 exemplares.
A explotación principal encóntrase en Santalla, Triacastela, ás que se suman granxas integradas no resto da comunidade con grandes extensións de bosques e soutos de castiñeiros, as máis apropiadas para a alimentación dos animais. O director xeral de Corpocel,Manuel Losada Fernández, destacou na presentación da firma que se trata de “un manxar de lenda en perigo de extinción”.
Entre a gama de produtos que Coporcel pon á venda están os elaborados directamente do porco celta como os produtos curados e embutidos, entre eles xamón curado, lacón, cabezas, manitas, touciño entrefebrado ou o chourizo galego.
Previsión de vendas
Coporcel prevé pechar o exercicio de 2015 cun volume de vendas de 400.000 euros, cifra que esperan aumentar en 2016 ata alcanzar os 1,4 millóns de euros. Na actualidade, o emprego directo que xera a empresa é de 6 persoas, que pasarán a ser 8 o ano próximo. O emprego indirecto elévase ata os 20 traballadores. A maior parte son postos creados no medio rural e concretamente no sector gandeiro, sobre todo da provincia de Lugo.
Un proxecto que apadriña Héctor López
Héctor López, cociñeiro do Grupo Nove e responsable do Restaurante España, presta o seu apoio ao proxecto de Coporcelcomo xefe de cociña executivo a través da elaboración dalgún dos seus pratos con porco celta, así como asesorando no desenvolvemento de novos produtos.