Asoporcel reune a máis de 120 persoas nunha xornada técnica en Lugo

Por primeira vez, voceiros das principais asociacións de razas porcinas autóctonas de españolas reuníronse para poñer en común as liñas de traballo para a preservación destes animais.

Asoporcel reune a máis de 120 persoas nunha xornada técnica en Lugo

Esta mañá, o salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolleu V Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta en Galicia, organizada pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel). Nesta edición, presentada polo xornalista da Televisión de Galicia Manuel Cruz, contouse coa presenza de máis de 120 asistentes, entre gandeiros membros da asociación e outras persoas interesadas nesta raza porcina autóctona galega.

Na inauguración interviñeron José Barreira (presidente de Asoporcel), Miguel Fernández (área de Transición Ecolóxica e Impulso Rural do Concello de Lugo), Francisco Cajoto (deputado da área de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo) e Olga Iglesias (xefa territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo). O director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta, José Balseiros, estivo presente na clausura. Durante as súas intervencións, os distintos representantes institucionais ratificaron o seu compromiso coa promoción desta raza e aproveitaron a ocasión para poñer en valor o labor de Asoporcel nos seus 25 anos de historia.

Economía das explotacións e promoción da raza

Pep Font (socio fundador de SIP Consultor) e de Senén Barral (responsable de comedores na Área de Innovación de Inditex) foron os relatores protagonistas da primeira metade da mañá. Falaron do cálculo do rendemento económico das granxas e da restauración sostible para colectividades como vía para o apoio ás razas autóctonas, respectivamente.

A economía das explotacións foi eixe da exposición que ofreceu Font, quen presentou de forma profesional e práctica as formas para coñecer a marxe económica das ganderías, poñendo o foco en aspectos como a medición da produción, dos gastos e dos consumos co obxectivo de saber canto custa producir.

Pola súa banda, Barral afondou en como están a traballar con produtos próximos de calidade nos comedores de Inditex. A área de Innovación á que pertence Barral xestiona catorce comedores de Inditex no mundo, situados maioritariamente en España. Como referentes mundiais en restauración sustentable, neles destaca a presenza e o impulso á recuperación de especies en perigo de extinción e de razas autóctonas, como o Porco Celta.

O futuro das razas porcina autóctonas de España

Na segunda parte da xornada tivo lugar, como novidade, unha mesa redonda centrada no presente e o futuro das razas porcinas autóctonas españolas. Moderada pola xornalista de La Voz de Galicia María Cedrón, interviñeron Moisés Noval, da Asociación de Criadores de Gochu Asturcelta (AGCA); Pere Antoni Company, da Associació de Ramaders de Porc Negre Mallorquí; Agustín Fernández, dos Criadores Asociados de Chato Murciano (Cachamur); Fidel Pérez, da Asociación de Criadores de Cochino Negro Canario, e M.ª Cruz Castro, de Asoporcel.

Neste primeiro encontro entre voceiros de cinco das principais asociacións porcinas do país, abordáronse aspectos como a situación actual da recuperación de cada raza, as súas características morfolóxicas e de manexo, os produtos derivados que se están obtendo, os distintos sistemas de comercialización adoptados e as actividades que están levando a cabo dende as asociacións para a conservación, o fomento e a mellora destas razas autóctonas.

ASOPORCEL PORCO CELTA XORNADA 23

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información