A Xunta subvencionará a dotación de banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos de zonas illadas do rural

A Xunta subvencionará a dotación de banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos de zonas illadas do rural

Paisaxe rural de Ordes (A Coruña)

A Xunta convocará axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural. Con esta convocatoria, que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia, o Goberno galego pon en marcha a segunda das actuacións do Plan de banda larga 2020 para a extensión da cobertura de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, destina a esta convocatoria un orzamento de 500.000 euros en 2017, que se poderá ampliar ata un máximo de 1 millón de euros en 2018, en función da demanda.

Estas axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 euros por beneficiario. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000 euros.

Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Prazos e características da convocatoria

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes no prazo máximo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG. Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.

Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo investidor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.

O Plan de banda larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información