Beneficiarios das axudas para o sector vitivinícola

Publicidade
Beneficiarios das axudas para o sector vitivinícola

O Consello da Xunta analizou as resolucións das axudas para investimentos na elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e para a súa promoción nos mercados en terceiros países correspondentes ao ano 2023, cun investimento total duns 7,5 millóns de euros -6,5 M para a primeira liña e 1M para a segunda-, e financiadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga). Ambas resolucións veñen de publicarse no Diario Oficial de Galicia, cos listados de beneficiarios para elaboración e para promoción.

Estas axudas, que en total contaron con 53 beneficiarios -33, no caso da elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, e 20 para promoción en terceiros países-, teñen unha repercusión moi favorable no apoio e reforzo da competitividade deste sector, de grande importancia para o rural galego. Polo tanto, representan un impulso para o agro da nosa comunidade no seu conxunto e para os seus habitantes, tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental. Neste sentido, a través da convocatoria de 2023 estas axudas permitiron mobilizar investimentos por un total de 19,7 millóns de euros -17,6 millóns de euros na liña de elaboración e comercialización e 2,1 na de promoción en terceiros países-.

Elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas
Polo miúdo, no referido ás axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, cómpre destacar o incremento do orzamento -algo máis de 4 millóns que en 2022-, o que permitiu atender a todos os solicitantes que cumprían os requisitos.

As principais finalidades destas axudas son, entre outras, as de fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario, impulsar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, da eficiencia enerxética global, da utilización de enerxías renovables e da valorización e tratamento dos residuos.

Preténdese, así mesmo, fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade. Outros obxectivos pasan por favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións, polo incremento da dimensión empresarial, pola participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor ou por impulsar os investimentos en comercialización e promover a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas. Destas axudas son potenciais beneficiarias as empresas vitivinícolas, organizacións de produtores vitivinícolas, asociacións de produtores e organizacións interprofesionais ou profesionais.

Son subvencionables os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto e os gastos administrativos, sempre que en conxunto non superen o 4% dos custos subvencionables totais da operación. Tamén se pode financiar a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.

Promoción en terceiros países
No referido ás axudas para a promoción en terceiros países, enmarcadas nos programas de promoción establecidos na Intervención sectorial vitivinícola (ISV), aprobada pola Comisión Europea en 2022, buscan fomentar o coñecemento das características e calidades dos viños, co fin de contribuír á mellora da súa competitividade, o que inclúe a apertura, a diversificación e a consolidación dos mercados deses países.

Esta liña de apoio está destinada ás empresas vinícolas, organizacións de produtores e as súas asociacións, así como aos órganos de xestión e de representación das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas e as cooperativas que comercializan viños elaborados por elas ou polos seus asociados.

Tamén se poden beneficiar as entidades asociativas sen ánimo de lucro formadas por empresas do sector que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños, as organizacións profesionais e interprofesionais do sector e as asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño.

En relación con estas achegas, as accións e actividades de promoción que se poden desenvolver son todas aquelas en que se dean a coñecer as características dos viños con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como os viños varietais. Entre as accións promocionais destacan campañas publicitarias, misións comerciais, promocións en puntos de venda, catas, feiras, presentacións de produto, xornadas, seminarios ou degustacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información