A posibilidade dun baleirado sanitario é unha das cuestións que maior preocupación xera na meirande parte de persoas gandeiras. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) estima unha perda de 800€ por cada animal sacrificado, e fai fincapé “non só na perda económica senón no impacto emocional” polo que reclaman “un maior apoio da administración nestes casos”.
“Como visibilizamos fai un mes, estamos seguindo de preto e proporcionando apoio a unha granxa do concello de Manzaneda (Ourense) que se atopa ás portas dun baleirado sanitario previsto para finais desta semana. A calquera granxa lle pode pasar e en calquera momento, inda que se cumpran tódalas medidas hixiénico-sanitarias. No caso por exemplo da tuberculose, a doenza está aí, encapsulada, de forma latente, e unhas condicións ambientais favorables poden desencadear o seu desenvolvemento”, sinalan desde o SLG.
No caso desta granxa de Manzaneda as perdas previstas ascenderán a uns 32.000 euros, “e as axudas prometidas de reposición e lucro cesante non cobren a perda total da explotación, sendo a eliminación de todo o gando da explotación de obrigado cumprimento. É dicir, toda a ilusión e aforros dunha vida invertidos nesta explotación de vacún de carne de alto rendemento esvaeceranse nun abrir e pechar de ollos”, expresan.
“Ao mesmo tempo, as persoas titulares das granxas deben de ocuparse elas soas de repoñer animais con cualificación sanitaria apta, volvendo a adaptar os animais novos ao manexo da granxa, e logo agardar unha media de 2 anos para ter a explotación a pleno rendemento”, detallan desde osSindicato.
Segundo a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, a doenza da tuberculose bovina está totalmente controlada, cunha prevalencia do 0,1%. Neste sentido, dende o SLG lembran que “cando se produce un destes casos, nas comunidades autónomas próximas á Galicia adoptaron dende hai tempo medidas profilácticas para as explotacións, ao considerar que era imposible erradicar a tuberculose bovina, prefirindo manter unha cualificación sanitaria inferior, e deste xeito eliminar tan só aos animais afectados e evitar a morte innecesaria dos animais sans, provocando unha perda económica menos gravosa e emocionalmente máis levadeira”.
“Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que a Xunta de Galicia debería activar medidas de apoio as gandeiras e gandeiros afectados que permitan repoñer os animais sen custo para estes, e que deste xeito se recuperen o máis rápido posible evitando no posible os prexuízos causados”, reclaman.
Á súa vez, tamén reclaman “unha maior sensibilidade e empatía por parte da Administración para facerse cargo do duro que é para as gandeiras e gandeiros recibir unha notificación de baleirado sanitario, persoas que se ven soas e impotentes, coa perda de todos os animais que forman parte da familia dende hai moitos anos e que lles vai a supor unha perda económica moi importante que pode comprometer as súas vidas”.