A Xunta convoca axudas para agricultores e viveiros afectados por pragas de corentena

O DOG publica hoxe a orde que beneficiará os produtores afectados polo fusarium circinatum do piñeiro, a thekopsora minima dos arandos, o psílido africano dos cítricos e a couza da pataca. O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses a contar desde mañá

Publicidade
A Xunta convoca axudas para agricultores e viveiros afectados por pragas de corentena

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde da Consellería do Medio Rural que establece as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal aos viveiros ou explotacións agrícolas afectados por organismos de corentena. O orzamento dispoñible para estas achegas é de 65.000 euros.

En concreto, poderán solicitar estas subvencións tanto as persoas físicas e xurídicas como as entidades sen personalidade xurídica cuxos produtos vexetais fosen afectados polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude da declaración dunha praga pola autoridade competente, orixinada polo desenvolvemento dun programa oficial de erradicación dalgún dos organismos de corentena determinados na orde publicada hoxe.

Así, poderán solicitar fondos os produtores afectados por estes 4 organismos en concreto: o fusarium circinatum, fungo que afecta o piñeiro; a thekopsora minima, outro fungo que, neste caso, ataca as plantas de arandos; o psílido africano, que afecta os cítricos e, por último, os que se visen prexudicados pola couza guatemalteca da pataca.

As subvencións están destinadas a financiar procesos de destrución, desinfección, esterilización ou calquera outro tratamento aplicado oficialmente a vexetais contaminados, a substratos de cultivo e terreos recoñecidos como contaminados ou a materiais de produción, acondicionamento, embalaxe ou almacenamento, así como a medios de transporte que estiveran en contacto con ditos vexetais. Tamén se poderán sufragar as inspeccións ou probas efectuadas oficialmente ou por mor dunha petición oficial, para verificar a presenza ou o grao de contaminación por parte dun dos organismos nocivos contemplados.

O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses a contar desde mañá, día seguinte á publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Enlace á orde de axudas no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200710/AnuncioG0426-010720-0003_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información