A Xunta case duplica as axudas para elaboración e comercialización de viño ante a alta demanda

Publicidade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se amplía a dotación orzamentaria das axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas consignadas no 2023 para executar nese mesmo ano e no 2024, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e das cales as bases reguladoras se publicaron a finais do 2022.

A existencia de remanentes doutras convocatorias permite a ampliación dos fondos inicialmente previstos -4.432.119 euros- e chegar aos 7.768.571. “Ademais, este incremento era tamén necesario ante o número de solicitudes que se presentaron por estas axudas bianuais, convocadas neste exercicio para executar no 2023 no 2024”, recoñecen dende a Consellería.

Estas achegas teñen como finalidade mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade. O orzamento final repartirase con 4.318.571 euros para accións executadas neste mesmo ano e 3.450.000 para as de 2024.

Os beneficiarios destas achegas, que aínda están por resolverse, poden ser empresas vitivinícolas, organizacións de produtores vitivinícolas, asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica e as organizacións profesionais e interprofesionais.

As achegas subvencionarán os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto, os custos xerais vinculados aos gastos anteriores tales como honorarios e estudos de viabilidade co límite do 4% do orzamento aprobado para a operación de investimento, así como a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.

O prazo non sofre cambios pese a esta modificación orzamentaria, polo que rematouse o 31 de xaneiro deste mesmo ano.

Nova convocatoria para o 2024

O Consello da Xunta vén de aprobar nesta mesma semana unha nova orde de axudas para investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, por un importe inicial de 4.500.000 euros, a executar, neste caso, entre o 2025 e o 2026. Estas achegas bianuais, que están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), publicaranse en breve no Diario Oficial de Galicia e dende a súa publicación os interesados disporán ata o 31 de xaneiro de 2024 para presentar as súas solicitudes.

Enlace á orde do DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información