A Xunta aproba a creación de dous novos polígonos agroforestais na Peroxa e en San Amaro

Con estes elévanse a 23 os polígonos de iniciativa pública en distintas fases de execución, impulsados no marco da Lei de recuperación da terra agraria.

A Xunta aproba a creación de dous novos polígonos agroforestais na Peroxa e en San Amaro

Polígono agroforestal en la provincia de Ourense. / Archivo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou os acordos de inicio de dous novos polígonos agroforestais, ambos na provincia de Ourense. O de San Amaro, no concello ourensán homónimo, suma 28,03 hectáreas de terreo, dividido en 422 parcelas que pertencen a 146 propietarios. O outro polígono será o de Mirallos, no concello da Peroxa, que mobilizará 44,52 hectáreas conformadas por 193 parcelas de 65 propietarios.

Cabe sinalar que neste caso, ao tratarse de polígonos de iniciativa pública, os procedementos serán sometidos a un proceso de concorrencia competitiva para a adxudicación de usos. Deste xeito, poderase avanzar no obxectivo prioritario de poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal. Ao longo desta semana, responsables da Consellería do Medio Rural mantiveron diferentes reunións con representantes de ambos Concellos para avanzar na implementación destes polígonos.

No caso do polígono de San Amaro, aínda que os usos e actividades admisibles se definirán no estudo de viabilidade, o terreo mobilizado presenta boa aptitude para a gandaría en extensivo, cultivos para a alimentación do gando e incluso cultivos leñosos.

No que se refire ao polígono de Mirallos, no concello da Peroxa, os usos e actividades admisibles que se definirán no estudo de viabilidade incluirán, entre outros, a gandaría en extensivo.

Unha vez publicada esta declaración, iniciarase a redacción do estudo de viabilidade e o proxecto básico de cada un dos polígonos. Para iso, un dos primeiros pasos será a investigación da titularidade das fincas e, posteriormente, os traballos de reestructuración da propiedade nas distintas áreas, de seren necesarios.

A día de hoxe, existen en Galicia 23 polígonos de iniciativa pública en distintas fases de execución, impulsados no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, mobilizando 8.983 hectáreas distribuídas en 28.624 parcelas propiedade de 7.788 veciños.

Enlaces aos acordos no DOG:

Polígono de Mirallos, na Peroxa:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230615/AnuncioO90-300523-0002_gl.html

Polígono de San Amaro, no concello homónimo:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230615/AnuncioO90-300523-0001_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información