A Xunta alleou 32 lotes de madeira por un valor de 2,37 millóns en poxa pública

O alleamento realizouse mediante poxa electrónica na Xefatura Territorial de Lugo

A Xunta alleou 32 lotes de madeira por un valor de 2,37 millóns en poxa pública

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicou 32 lotes de madeira por un total de 2.369.921,19 € nunha poxa pública electrónica de madeira. Ademais destes lotes, outros cinco quedaron desertos e serán alleados -a un prezo menor- en próximos procedementos. Case todos os lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común que teñen convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural. Os lotes suman 54.000 metros cúbicos de madeira de piñeiro. A maiores, é toda verde e foi vendida baixo a modalidade de alleamento de risco e ventura.

A explotación destas árbores representa unha absorción de CO2 de preto de 38.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a súa vida. Estas árbores serán substituídas por outras novas que seguirán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

Os importes acadados na poxa confirman unha vez máis os altos prezos da madeira de coníferas, acadándose os valores máis altos na madeira baixo certificación da xestión forestal sostible realizada polo persoal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Así, enmárcanse nunha dinámica de estabilidade desta materia prima sendo previsible que se manteña no futuro, pois a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións.

Destaca o feito de que 29 dos lotes teñen a certificación de xestión forestal sostible PEFC e outros 14 teñen a dobre certificación PEFC e FSC. Isto significa que compren polo menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación máis comúns a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben ter tamén un certificado de cadea de custodia, que garante a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible garante que a xestión dos bosques de onde procede a madeira é respectuosa co medio ambiente, e que cumpre outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

Como nas poxas electrónicas de madeira anteriores, os licitadores realizaron todos os trámites de forma telemática, desde a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Tamén puideron seguir o proceso a través dunha sala virtual creada para este fin.

Plataforma online

A plataforma desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET). Tamén permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

Ademais, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado para este fin. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural:https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas.

Compromiso da Xunta

A Xunta está comprometida en seguir traballando co sector forestal para construír ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Esta iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

Neste contexto, o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- é clave, seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información