Xornadas sobre conservación do territorio e educación ambiental en Negueira de Muñiz

A Asociación Corripa crea en Pena da Nogueira un xardín de polinizadores de 3.500 metros cadrados dedicado á conservación, estudo e divulgación de especies como moscas e escaravellos florícolas, abellas e avespas portaserra ou bolboretas

Monica Freire e Alberto Uría, este venres na presentación das xornadas

Monica Freire e Alberto Uría, este venres na presentación das xornadas na Deputación de Lugo

A segunda edición das Xornadas de Desenvolvemento Rural, financiadas pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo, celebrarase do 22 ao 24 de abril no ecomuseo El país del abeyeiro en Negueira de Muñiz. Ciencia na aldea é o título xenérico do encontro, que conta coa colaboración da Asociación Corripa e que apela ao coñecemento científico como ferramenta para coñecer e valorar os entornos naturais e rurais.

A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade, Mónica Freire, presentou este venres o programa das xornadas, acompañada por Alberto Uría, vicepresidente da Asociación Corripa e impulsor do ecomuseo, ubicado en Pena da Nogueira.

A responsable provincial explicou que “con esta nova edición damos continuidade a unha iniciativa que puxemos en marcha o pasado ano, en Vilela, en Navia de Suarna, e que continuamos este ano cos mesmos obxectivos: promover a formación e a divulgación arredor do rural e apoiar iniciativas de desenvolvemento como El país del abeyeiro, que converteu a apicultura tradicional nun motor de dinamización económica e cultural” e subliñou a importancia “de falar do rural desde o rural, poñendo no centro ás persoas que desenvolven os seus proxectos profesionais e vitais no medio rural”.

Especialistas en botánica, entomoloxía ou neurobioloxía disertarán sobre a biodiversidade e as paisaxes tradicionais da montaña luguesa no ecomuseo El país del abeyeiro

Alberto Uría sinalou, pola súa banda, a oportunidade que “estas xornadas supoñen para a difusión do traballo que vimos desenvolvendo desde Corripa para trasladar á sociedade a importancia de manter as paisaxes tradicionais como garantía de futuro para o medio rural, e especialmente o noso último proxecto, un xardín para polinizadores no que recreamos diferentes ecosistemas da montaña luguesa co obxectivo de que sirva de espazo de investigación científica”.

Relatorios científicos e iniciativas de custodia do territorio

As persoas asistentes poderán coñecer de primeira man as iniciativas de educación ambiental e conservación do territorio que están a desenvolver entidades de referencia no ámbito estatal como a Fundación Biodiversidad e a Fundación Oxígeno ou os proxectos da Asociación Galega de Custodia do Territorio,  con diferentes liñas centradas na protección de especies e paisaxes ameazados.

Mónica Freire sinalou “a importancia de realizar estes encontros divulgativos no rural”

O programa inclúe tamén relatorios de científicos e investigadores: botánicos como Bernabé Moya e entomólogos como Luis Óscar Aguado e Félix Torres, que afondarán na importancia da acción polinizadora dos insectos na conservación dos hábitats, e da neurobióloga Conchi Lillo, que ofrecerá unha interesante exposición sobre a evolucion do sistema visual nas distintas especies, desde os insectos ata o ser humano. As súas exposicións teóricas complementaranse con paseos guiados pola contorna as especies máis habituais na montaña luguesa.

Tamén se abordarán os retos que presenta a comunicación e divulgación cunha ponencia de Sandra Sutherland, xornalista especializada en información ambiental e medio rural que dirixiu o programa de TVE Agrosfera, que tamén participará nunha mesa redonda sobre esta temática con outros comunicadores e investigadores.

Están previstas dúas saídas nocturnas, centradas na escoita dos sons da natureza durante a noite e na observación astronómica, así como concertos de música

Ademais, están previstas dúas saídas nocturnas, unha delas, o venres 22, centrada na escoita dos sons da natureza durante a noite, e outra, o sábado 23, dedicada á observación astronómica. O domingo será unha xornada de portas abertas no Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo, que rende homenaxe ao activista ambiental, divulgador e ilustrador recentemente falecido. A xornada inclúe diversos concertos musicais de artistas galegos e asturianos.

As inscricións para participar poden realizarse na web www.asociacioncorripa.org ou no teléfono 900264326.

TRÍPTICO PROGRAMA1

TRÍPTICO PROGRAMA2TRÍPTICO PROGRAMA3

Iniciativa para poñer en valor a importancia dos insectos polinizadores

Vanessa Paredes, presidenta de la Asociación Corripa, junto al jardín de polinizadores

Vanessa Paredes, presidenta da Asociación Corripa, xunto ao jardín de polinizadores no vídeo promocional

Asociación Corripa, dedicada á divulgación da biodiversidade e á sensibilización sobre a necesidade de conservala, acaba de crear en Negueira de Muñiz un xardín de plantas atraíntes de insectos polinizadores silvestres de 3.500 m² na aldea de Pena da Nogueira (que fai fronteira entre Asturias e Galicia), lugar onde se atopa o ecomuseo El país del abeyeiro, iniciativa do apicultor Alberto Uría.

O xardín, que será inaugurado o próximo 24 de abril, ocupa un total de catro leiras nas que se consolidaron os muros de pedra seca, creáronse sendeiros accesibles, plantáronse distintas especies de flora atractiva para que os insectos atopen alimento e colocáronse refuxios para insectos beneficiosos.

Entre as actividades da asociación atópase a conservación de vellas albarizas e a educación ambiental

O lugar, que levará o nome de Fernando Fueyo, un dos máis destacados ilustradores de natureza españois, recentemente falecido, ten por obxecto a conservación, o coñecemento e a divulgación dos polinizadores e a súa función esencial para a biodiversidade e a alimentación dos seres humanos e os animais.

Estímase que o 84% das especies de cultivos na UE dependen da polinización animal

Estímase que na Unión Europea ao redor do 84% das especies de cultivos e o 78% das especies de flores silvestres dependen, polo menos en parte, da polinización animal. O descenso alarmante dos polinizadores silvestres fixo que a Comisión Europea considere necesario actuar de inmediato, pero pese ao crecente interese, segue habendo unhas lagoas de coñecemento considerables.

As persoas que desexen colaborar poden facelo ata o próximo 13 de abril a través dunha campaña de micromecenado

Como complemento á creación do Xardín de Polinizadores, a asociación Corripa pretende tamén editar unha Guía didáctica ilustrada con 14 debuxos de Fernando Fueyo e que conta coa colaboración de varios científicos e especialistas, como Alfonso Esquivel, Bernabé Moya, Óscar Augado, Félix Torres e Juan Luís Arsuaga.

As persoas interesadas en colaborar con esta iniciativa poden facelo a través da campaña de micromecenado aberta ata o próximo 13 de abril en Verkami.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información