A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- celebrará a semana que vén en Lugo e Barbadás senllas xornadas técnicas de divulgación e formación na produción e etiquetado de produtos alimentarios artesáns, co fin de animar aos operadores deste ámbito a inscribirse no selo de calidade de Artesanía Alimentaria.
A primeira terá lugar no edificio administrativo da Xunta en Lugo das 10,00 ás 13,00 horas do martes 18 de outubro e a segunda ás mesmas horas do xoves 20 no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás.
Así, ao longo das xornadas abordaranse os obxectivos deste selo e as condicións xerais para a produción de alimentos artesáns, ademais da normativa reguladora correspondente, o control e certificación da actividade artesá e a flexibilización das normas de hixiene. Tamén se tratará o propio proceso de inscrición no distintivo de Artesanía Alimentaria e o inicio da actividade artesanal.
A maiores, haberá un apartado sobre prácticas innovadoras, así como exemplos de normas técnicas e de produtos artesáns. Nesa liña, en Lugo tratarase -da man da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela (USC)- a norma técnica de elaboración de queixo artesán cun exemplo práctico ao final a cargo dunha queixería. No caso de Barbadás, o Centro Tecnolóxico da Carne dará a coñecer as peculiaridades da norma técnica de derivados cárnicos, mentres o exemplo do remate será de elaboración dun aceite de oliva artesán.
Os interesados nestas xornadas poderán apuntarse completando -no caso de Lugo- o formulario do seguinte enlace https://forms.gle/znNwPcQHJ3mrzpFG8 e estoutro https://forms.gle/uGTCe2sHbgVGZxQFA no caso de Barbadás.
Para máis información, pódese chamar ao teléfono 627 570 950 ou enviar un correo electrónico a artesaniaalimentaria.agacal@xunta.gal