A X Edición de Magreco celebrarase os días 23 e 24 de marzo en Boimorto

A feira contará con actividades dirixidas a toda a familia

A X Edición de Magreco celebrarase os días 23 e 24 de marzo en Boimorto

Boimorto celebrará unha nova edición de Magreco na fin de semana do 23 e do 24 de marzo. A feira de maquinaria e produtos agrícolas celebrará o seu décimo aniversario cunha ampla oferta expositiva e de actividades, na que de seguro a poxa de xovencas tanto de carne como de leite volverá ser unha das citas máis concorridas. Entre as novidades, o sábado Magreco contará cun tallador con motoserra que estará facendo exhibicións durante toda a xornada, ademais de expoñer esculturas feitas con motoserra.

O campo de Rosario de Boimorto volverá acoller durante a celebración de Magreco unha completísima mostra de maquinaría agrícola, forestal e de xardín, na que profesionais da agrogandería e tamén curiosos poderán coñecer as últimas novidades das principais marcas. Así mesmo, no polideportivo e na súa contorna, todas as persoas que visiten a feira poderán atopar os máis diversos postos de alimentación, artesanía e produtos para o campo.

Por suposto non faltará en Magreco 2024 a exposición de gando vacún. Os animais poderán verse durante toda a fin de semana, aínda que será o domingo cando os gandeiros celebren a súa gran cita na tradicional poxa de xovencas. As asociacións de gandeiros Africor, que coordinará a poxa dos exemplares de raza frisoa, e Acruga, que supervisará a de rubia galega, garantirán que os animais presenten unha calidade xenealóxica e sanitaria excepcional para satisfacer aos gandeiros que queren mellorar as súas explotacións. Para rematar o acto, sortearase entre os asistentes 200 euros, un lote de produtos da feira e unha das esculturas de madeira feitas o sábado coa motoserra.

A feira e o mercado completaranse cun programa de actividades para que toda a familia poida gozar da súa visita a Magreco e mesmo queden durante toda a xornada. Así, quen queira xantar na feira poderá facelo na pulpería e nos diferentes postos de comida e foodtrucks dispoñibles, que nesta edición medrarán en cantidade atendendo á demanda do público.

Magreco 2024 pechará o domingo á tardiña cunha actuación musical que se desvelará nos próximos días, ao igual que o horario e a temática de varias charlas de interese para os profesionais do sector agrogandeiro. A cativada, pola súa parte, poderá gozar con diferentes xogos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información